A Alameda de Pontevedra converteuse este martes nunha gran sala de xogos tradicionais ao aire libre grazas á actividade "Brincadeiras miudiñas", organizada polo programa Apego.
O evento, que contou coa presenza do concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, ofreceu unha tarde chea de música, xogos tradicionais e obradoiros para os máis cativos.
Cé Orquestra Pantasma foi a encargada de animar esta festa para familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, na que se habilitaron diferentes espazos para o xogo libre, obradoiros de creación e un recuncho especial para bebés.
A Alameda serviu como escenario e inspiración para todas as actividades, promovendo o contacto co entorno natural como fonte de lecer e felicidade.
Esta iniciativa forma parte do programa Apego, un proxecto colectivo creado para fomentar a transmisión do galego entre as novas xeracións.
A través destas actividades lúdicas, búscase promover a socialización en galego e axudar as familias a crear vínculos afectivos coa lingua propia.
O programa, que naceu por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, desenvólvese de xeito cooperativo entre os servizos de normalización dos concellos adheridos, creando unha comunidade aberta a calquera iniciativa que contribúa á normalización do galego.