Dúas das autoras máis lidas do panorama actual, Arantza Portabales e María Oruña, puxeron o broche final á Festa dos Libros de Pontevedra.
De novo, a pesar da calor, a afluencia de público foi máis que notable durante todo o día.
Pontevedra volveu converterse así nun punto de encontro arredor da lectura, nesta última xornada con actividades relacionadas coa memoria, a historia e a diversidade.
A programación do escenario comezou con dúas propostas para os máis pequenos. Foron dúas sesións de contacontos con Pablo Rumoroso e Nacho Rubio.
O tradicional vermú literario de Pinto e Maragota, que estuvo amenizado polo DJ Hugo Andrade, serviu para presentar a obra gañadora da quinta edición do premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero, As esquinas, de Miguel Calvo Marques.
A memoria, a historia e as viaxes déronse cita, xa pola tarde, na mesa que reuniu a Arturo Lezcano, Juan de Sola e Valentín Carrera.
A continuación foi a quenda de José Ignacio Carnero, que presentou a súa última novela, Los fabuladores; e Francisco Narla, que fixo o mesmo con Ultreia e Suseia.
A clausura desta novena edición da Festa dos Libros arrancou con Arantza Portabales, que presentou Asasinato no muíño do cura; e avanzou que a súa próxima novela terá unhas eleccións municipais en Pontevedra como pano de fondo.
Pola súa banda, María Oruña puxo o ramo coa presentación de La Cámara de las Maravillas, na que traslada os lectores ao mundo da arte para construír un thriller cun intento de roubo, un asasinato e segredos familiares.
Ao longo de toda a xornada, numerosos autores e autoras participaron ademais nas tradicionais sesións de sinaturas nas casetas das trece librarías participantes.