"Arima", a primeira longametraxe de Jaione Camborda, abrirá o festival Novos Cinemas

Pontevedra
30 de outubro 2019

A cuarta edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, xa escolleu a película que protagonizará a súa inauguración. Será Arima, a primeira longametraxe da directora vasca Jaione Camborda, que xa ofrecera un pequeno adianto deste filme na sección Encontros da pasada edición do festival

Fotograma da película "Arima" Jaione Camborda

A cuarta edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, xa escolleu a película que protagonizará a súa inauguración. Será Arima, a primeira longametraxe da directora vasca Jaione Camborda, que xa ofrecera un pequeno adianto deste filme na sección Encontros da pasada edición do festival.

Arima, protagonizada por Melania Cruz, Nagore Arias, Rosa Puga Dávila, Tito Asorey, Iria Parada y Mabel Rivera, narra a historia de catro mulleres e unha nena que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros.

Un deles foxe do outro, escondéndose polo pobo como un ser escorregadizo, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida as mulleres.

Todo iso moverase na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio.

Jaione Camborda, antes de estrearse como directora, foi guionista e directora de arte en numerosos filmes como Los fenómenos (2014), Las altas presiones (2015) ou Tempo vertical (2017), entre outros.

É a fundadora de Esnatu Zinema, produtora coa que desenvolve un reputado traballo como directora de pezas experimentais rodadas en celuloide. Nestes proxectos opta polo Super 8 ao confiar na materialidade do formato e nas posibilidades estético-líricas que lle ofrece.

A cineasta, ligada a Novos Cinemas dende o nacemento do evento, foi tamén a creadora da cabeceira do festival no 2017 e, na actualidade, lidera a formación Habitar un rostro / O xesto dun encontro, que o festival organiza xunto á Universidade de Vigo e na que explora xunto a creadores en proceso de formación "a idea de relato na súa acepción máis ampla".

Novos Cinemas celebrará a súa cuarta edición entre o 10 e o 15 de decembro.