A segunda longametraxe de ficción de Ángel Santos, As altas presións (2014), obtivo o Premio Las Nuevas Olas na 11 edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla. Trala súa première internacional no Festival de Cine de Busan (Corea do Sur), segue recibindo unha extraordinaria acollida no seu percorrido de festivais. Ademais, esta semana compite na Sección Oficial da 28 edición do Festival Cineuropa de Santiago de Compostela e en decembro farao na da IV edición de Márgenes.
Andrés Gertrúdix (El árbol magnético, 10.000 noches en ninguna parte) dá vida en As altas presións a Miguel, un mozo que regresa nunha viaxe de traballo (buscando localizacións para unha película allea) á súa terra galega: ao verde do campo e o azul do mar emborronados polas ruínas industriais da ría de Pontevedra.
O seu director define o filme -cuxo montaxe realizou Fernando Franco (A ferida)- como unha viaxe en torno ao desarraigamento (o cine) e o amor. Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Branco e Xabier Deive, xunto a Marta Pazos e Hugo Torres son o resto dos membros do seu carismático reparto.
Producida por Matriuska Producións, As altas presións rodouse co apoio de Televisión de Galicia, Agadic e do Concello de Pontevedra.
Ángel Santos (Pontevedra, 1976) é autor do longametraxe Dos fragmentos/Eva (2010) e das curtametraxes O cazador, Adolescentes, Fantasmas #1 y #2, Sara y Juan ou Septiembre.