PortAmérica segue dando pasos para ultimar todos os detalles para a súa edición de 2023, que se celebrará na Azucreira de Portas os días 13, 14 e 15 de xullo.
Tras desvelar todo o seu cartel musical, a organización confirmou este venres a repartición por días dos 32 concertos previstos para este ano. Ademais, ao mesmo tempo, activouse a venda de entradas por día, que xa se poden adquirir na páxina web do festival.
Así, o xoves 13 de xullo os artistas que actuarán en Portamérica 2023 serán Deluxe, Guitarricadelafuente, Quique González, Ysy A, Funzo & Baby Loud, Gustavo Santaolalla, Second, Son Rompe Pera e Conociendo Rusia.
O venres 14 será a quenda de Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Jorge Drexler, Dani Fernández, La M.O.D.A., Pole, Ortiga & Pili Pampín, Bandalos Chinos, Sexy Zebras, Marilia Monzón e Centavrvs.
O festival concluirá o sábado 15 con Bad Gyal, Molotov, MClan, Loquillo, Silvana Estrada, Carlangas, Nanpa Básico, Grande Amore, Flecha Valona, Muerdo, Orkesta Mendoza e Galician Army.
A oferta gastronómica de PortAmérica 2023, que aínda non está completa, volverá estar centrada no ShowRocking, que capitaneado por Pepe Solla volverá converterse no restaurante efémero máis grande e de maior calidade do mundo.
Cociñarán as súas tapas en Portas chefs da talla de Ángel León (Aponiente), David Abalo (La Radio), María Varela (A Parada das Bestas), Antonio Arrabal (Better Balance), Miguel Cobo (Cobo Estratos), Javi Estévez (La Tasquería) ou Chechu González (María de la O).
Repetirán outros dos habituais como Andoni Luis Aduriz (Mugaritz), Javi Olleros (Culler de Pau), Begoña Rodrigo (La Salita), Edgar Núñez (Sud777), Maca de Castro (Maca de Castro), Vicky Sevilla (Arrels) ou Héctor López (España).
Xunto a eles cociñarán os galegos Xosé Magallaes e Lydia del Olmo (Ceibe), Diego Novas (El Olivo), a colombiana Catalina Vélez (Domingo de Vereda), os mexicanos Fabián Delgado (Palreal), Tomás Bermúdez (La Docena) ou o arxentino Tomás Kaliha (Mishiguene).
De maneira paralela, PortAmérica ofrecerá de novo liñas de bus de ida e volta desde A Coruña, Santiago, Pontevedra, Cambados, Vilagarcía e Vigo; mentres que desde Caldas de Reis haberá un "chiquitren" para chegar ata a Azucreira.
Unha das novidades é que, por primeira vez, a acampada do festival terá lugar en Portas, a cinco minutos camiñando do recinto, aberto desde o mércores 12 de xullo, día previo ao comezo do festival, ata o domingo día 16.
Haberá ademais área para autocaravanas ou furgonetas camperizadas. Neste caso, a zona para este tipo de transportes estará dispoñible desde o día 13 de xullo ata o 16 de xullo.