Asun Glez e Franck Sastre ofrecen unha galería artística no Mercado baixo o título 'comendo ARTE'

Pontevedra
25 de agosto 2020

Esta mostra permanecerá aberta entre o 27 e o 30 de agosto con entrada libre no primeiro andar do Mercado de Abastos. O horario de visitas será tanto de mañá como de tarde durante estes catro días

O artista Franck Sastre

O primeiro piso do Mercado de Abastos da rúa Sierra acollerá entre o xoves 27 e o domingo 30 de agosto unha exposición organizada polo Concello de Pontevedra que leva por título 'comendo ARTE', con obras dos artistas Asun Glez e Franck Xastre.

Trátase dunha mostra con cadros de grandes dimensións que ofrecerán miradas penetrantes dos seus personaxes tanto co trazo e a forza da cor como coas mensaxes sutís que ofrecen estas pinturas, segundo indican os seus autores.

Asun Glez é unha artista viguesa e Franck Xastre é un pintor nado en Francia pero que leva case dúas décadas residindo na cidade olívica. Nalgunhas das súas obras, as creacións están elaboradas a catro mans. Caracterízanse por un estilo  figurativo e con moita forza visual.

Estas obras poden verse en horario de mañá e tarde durante estes catro días de finais de agosto, con entrada libre.