A Autoridad Portuaria edita 'Ons, la memoria del faro' para preservar o patrimonio marítimo

Marín
01 de marzo 2025

María Eyo e Enrique Abati son os autores do libro, que realiza un percorrido por máis de 40 pezas históricas vinculadas á sinalización e seguridade marítima e existentes no faro de Ons

Imaxe incluída en 'Ons, la memoria del faro' Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

A Autoridad Portuaria de Marín editou o libro Ons, la memoria del faro, unha obra que ten como principal obxectivo conservar a memoria histórica do servizo de sinais marítimos.

O libro, escrito por María Eyo e Enrique Abati, realiza un percorrido por máis de 40 pezas históricas vinculadas á sinalización e seguridade marítima e existentes no faro da Illa de Ons.

O traballo de recompilación e conservación realizárono ao longo dos anos os fareros adscritos ao servizo de sinais marítimos da Autoridad Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.

O catálogo recolle elementos propios da óptica dos faros, instrumentos como fumívoros, manómetros ou pluviógrafos, e libros de rexistro do faro, entre eles os libros de consumo, libros de contas e libros de ordes.

Cada peza está acompañada da súa descrición técnica, "nun exercicio de preservación do patrimonio material e inmaterial, que é o coñecemento especializado dos fareros", sinalou o presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa.

Suárez tamén afirmou que a entidade "é plenamente consciente do papel que xoga no terreo da responsabilidade social corporativa e da contribución social" e indicou que "pór en valor o patrimonio cultural é o legado que podemos deixar ás xeracións futuras".

A Autoridade Portuaria distribuirá o catálogo a bibliotecas, centros educativos e museos do mar, co obxectivo de difundir a memoria histórica e o patrimonio cultural vinculado ao Porto de Marín.