Belén Arosa presenta en Riomaior a súa obra poética ante o alumnado

Vilaboa
22 de xaneiro 2026
Actualizado: 18:30

A xornada estivo marcada pola emoción e pola participación activa do alumnado, que asumiu un papel protagonista dando lectura tanto a poemas da autora como a creacións propias

Belén Arosa presentou o seu libro no colexio de Riomaior
Belén Arosa presentou o seu libro no colexio de Riomaior / Concello de Vilaboa

O colexio de Riomaior converteuse nun espazo de encontro entre a poesía e a educación coa presentación do libro Sueños de Juventud, da escritora local Belén Arosa Herrero.

A xornada estivo marcada pola emoción e pola participación activa do alumnado, que asumiu un papel protagonista dando lectura tanto a poemas da autora como a creacións propias.

O acto estivo conducido pola directora do centro, Carmen Negro, quen agradeceu á escritora a escolla do colexio, no que estudaron dous dos seus tres fillos, para acoller a presentación da obra. Negro destacou tamén o valor pedagóxico do libro, que o centro está a empregar como ferramenta educativa para fomentar entre a rapazada a poesía como medio de expresión das emocións.

Durante a súa intervención, Belén Arosa explicou que a poesía xorde para ela da necesidade de expresar sentimentos. "É un xeito de sacar todas as emocións e sentimentos que levo dentro, tanto nos bos como nos malos momentos. Cada poema convértese nun volcado emocional", sinalou a autora de Postemirón.

A presentación desenvolveuse nun formato dinámico, no que o alumnado formulou diversas preguntas á escritora, afondando así nunha obra que reúne poemas escritos en distintas etapas da súa vida. Arosa recoñeceu a influencia do seu mundo interior, pero tamén de autores como Rosalía de Castro, especialmente na súa exaltación da terra.

A autora estivo arroupada por representantes institucionais, entre eles o alcalde de Vilaboa, César Poza; as concelleiras Carmen Gallego e María Canosa; a directora do CRA de Vilaboa, Conchita González; así como pola súa familia, que lle mostrou o seu apoio neste momento especial.

Carmen Gallego puxo en valor "a importancia de que as mulleres de zonas rurais escriban e cumpran os seus soños" e animou "a todas as nenas con vocación literaria a que se atrevan a escribir". Pola súa banda, o alcalde César Poza felicitou á autora e animouna a continuar co seu proceso creativo, que cualificou como "fonte de inspiración" para a veciñanza. Ademais, dirixiuse ao alumnado para destacar a escrita como unha ferramenta de crecemento persoal.

A xornada concluíu como unha experiencia enriquecedora que evidenciou o papel da poesía como vía de expresión emocional e desenvolvemento persoal desde idades temperás, reforzando a conexión entre literatura e educación.