'Ben veñas, maio' emprende a súa anual busca de creatividade en galego nos institutos de Pontevedra

Pontevedra
27 de xaneiro 2014

Ben veñas, maio é un certame que é posible, dixo Demetrio González, polo esforzo de toda a comunidade educativa de Pontevedra. Neste sentido, a coordinadora lingüística do IES Frei Martín Sarmiento, María Luisa Vázquez, responsable este ano do evento, afirmou que "é unha oportunidade para que os rapaces se expresen artísticamente sacando a lingua de ámbitos exclusivamente educativos"

Cartaz do certame 'Ben veñas, maio' 2014 Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra, en colaboración cos equipos de normalización lingüística dos IES da cidade, pon en marcha unha nova edición do certame Ben veñas, maio. Trátase dun evento cultural destinado a que os alumnos dos institutos pontevedreses expresen a súa creatividade artística en lingua galega. Fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, teatro e música serán, un ano máis, as disciplinas que abarcará esta actividade.

"Dada a situación da lingua é fundamental que traballemos desde todos os ámbitos para normalizada", destacou na presentación o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez. "ÿ imprescindible que haxa espazos para desenvolverse en liberdade en galego porque ten unha presión moi grande do español e cada vez máis do inglés", sinalou. "Colaboraremos ata a extenuación con ese traballo".

Nese obxectivo enmárcase esta nova edición de Ben veñas, maio. Un certame que é posible, dixo Demetrio González, polo esforzo de toda a comunidade educativa de Pontevedra. Neste sentido, a coordinadora lingüística do IES Frei Martín Sarmiento, María Luisa Vázquez, responsable este ano do evento, afirmou que "é unha oportunidade para que os rapaces se expresen artísticamente sacando a lingua de ámbitos exclusivamente educativos".

As modalidades máis veteranas, as de narración curta e banda deseñada, chegan ao seu vixésimo primeira edición. As obras presentadas, que deberán ser orixinais e inéditas, deben ter unha extensión mínima de dous folios e máxima de seis. Nos relatos o tema será libre, mentres que no caso da banda deseñada deberán reflexionar sobre o uso e valoración das linguas. Haberá dúas categorías, ata 14 anos inclusive e a partir de 15 anos.

Quince edicións cumpre o certame musical. Nel poderán participar todos os grupos ou solistas cuxa maioría de membros estean matriculados en institutos públicos da cidade. Na actuación en directo, que terá lugar o 10 de maio no Pazo da Cultura, deberán interpretar dúas cancións orixinais, a primeira a partir dun poema propio e a segunda dun poeta ou poetisa con obra en galego.

A fotografía e á poesía chegan, pola súa banda, á decimoterceira edición. No primeiro caso, deberán recoller algunha imaxe que represente o uso anómalo ou curioso da lingua galega en rótulos, pancartas, pintadas ou faixas publicitarias; mentres que no caso dos poemas o tema será libre, pero as composicións non poderán superar, en canto á súa extensión, un máximo de trinta versos.

En todas estas categorías repartirase un primeiro premio de 150 euros e un segundo premio de 75 euros, xunto con diplomas e material escolar. Salvo no concurso musical, onde haberá tres premios de 400, 350 e 150 euros para os tres primeiros clasificados. As propostas a concurso poderán presentarse ata o próximo 31 de marzo.

Ben veñas, maio completarase coa tradicional semana teatral, xa fóra de concurso, que cumpre 18 anos. O Teatro Principal de Pontevedra acollerá entre os días 7 e 9 de maio, a representación das obras teatrais que estiveron preparando os alumnos de cada instituto ao longo do curso escolar.