Boa acollida en Pontevedra a "Meu Ben" de Eme2, terceira cita co ciclo Ponteatro

Pontevedra
31 de outubro 2014

A obra é unha adaptación dun texto creado pola dramaturga Elaine Murphy e representado por primeira vez en 2008. Dende ese momento leva cativando o público arredor do mundo con producións nas Illas Británicas, en Australia ou en Nova York

Representación de "Meu Ben" de Eme2 en Pontevedra, dentro do ciclo Ponteatro

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este xoves unha nova entrega do ciclo Ponteatro. A compañía galega Eme2 puxo en escena o seu último espectáculo, Meu Ben. Fíxoo cunha gran resposta do público, desexosos de coñecer este retrato sobre a vida de tres mulleres dunha mesma familia que relatan a historia do seu ano extraordinario, todo elo impregnado de amor, sexo, vida, morte... e clases de salsa.

Amber vive sen preocupacións. Está no mellor da vida, flirtea cun tal Paul e anda de festa. Ata que sofre unha molesta indixestión. A súa nai Lorraine ataca un cliente no traballo polo que debe visitar un médico da cabeza que lle receita facer algo bo para ela mesma unha vez por semana. ÿ hora de apuntarse a clases de salsa. A avoa Kay, pola súa banda, intenta sentirse viva nos frustrantes sesenta mentres coida do seu marido enfermo.

A obra é unha adaptación dun texto creado pola dramaturga Elaine Murphy e representado por primeira vez en 2008. Dende ese momento leva cativando o público arredor do mundo con producións nas Illas Británicas, en Australia ou en Nova York.

Agora chega a Galicia da man de Eme2. Nesta nova versión, as protagonistas son as actrices Elina Luaces, Mercedes Castro e Rocío González, que dan vida ás tres protagonistas.