Bodegas Martín Códax foi recoñecida nos Premios AUPA 2025 na categoría Iniciativa Privada polo seu labor de apoio e promoción da cultura galega a través dos seus proxectos musicais Os Xoves de Códax e Outono Códax Festival.
Os Premios AUPA!, organizados pola revista Rock and Roll Army, nacen co propósito de recoñecer o labor de persoas, empresas e proxectos que contribuíron de forma notable ao avance colectivo do sector musical. Concedidos por un xurado de profesionais expertos, estes galardóns outórganse de maneira participativa e independente, poñendo o foco naquelas iniciativas que, desde a creatividade, a valentía ou o compromiso social, inspiran e serven como exemplo a seguir dentro da industria musical.
A gala de entrega dos recoñecementos celebrouse este xoves no Palacio Euskalduna de Bilbao, como peche da feira profesional BIME, un dos encontros máis relevantes da industria musical en España e Latinoamérica. Durante a cerimonia, púxose en valor a diversidade de axentes que, desde distintos ámbitos, contribúen a construír unha escena musical máis ética, sostible e inclusiva, principios que tamén inspiran estes galardóns.
Nesta edición, o xurado quixo destacar o compromiso de Bodegas Martín Códax coa creación e consolidación de espazos culturais en Galicia que unen música, territorio e valores sociais, situando á adega como un referente no apoio á cultura e na conexión entre o viño, as persoas e as manifestacións artísticas que nacen na súa contorna.
Desde fai máis dunha década, a adega celebra Os Xoves de Códax, un ciclo de concertos que cada verán converte a súa terraza nun punto de encontro entre artistas galegos e nacionais. Cunha clara vocación solidaria, o ciclo doou xa máis de 300.000 euros a distintas ONG locais e autonómicas, reforzando o vínculo da adega coa súa contorna.
Pola súa banda, o Outono Códax Festival, que se celebra en Santiago de Compostela desde hai quince anos, consolidouse como unha das grandes citas musicais do outono galego. Dedicado á música negra en todas as súas vertentes —rock, jazz, blues, funk ou soul—, o festival combina o seu cartel cunha ampla programación cultural paralela que inclúe cine, literatura, gastronomía e catas comentadas da man do catador da adega.
Durante a entrega do galardón, Jorge Pallarés, director de marketing de Bodegas Martín Códax, sinalou que "para nós, a música e a cultura son unha forma de devolver á nosa terra parte do que nos dá. Este premio anímanos a seguir creando espazos de encontro que celebren o talento e o espírito colaborativo que nos define".
Este recoñecemento reafirma a aposta de Bodegas Martín Códax por apoiar a cultura, a música e as tradicións galegas, valores que forman parte da súa identidade desde a súa fundación en 1985.