O Mosteiro de San Xoán de Poio acollerá o domingo 7 de setembro ás 20:30 horas un concerto gratuíto de Carlos Núñez dentro da programación do ciclo Son Verán da Deputación de Pontevedra.
O gaiteiro galego presentará o seu espectáculo "Lugares máxicos", unha xira que iniciou hai oito anos para actuar no verán poñendo en valor o patrimonio musical, arquitectónico, gastronómico e natural de Galicia.
A proposta de Núñez caracterízase por ser un modelo respectuoso coa natureza e co medio ambiente, xa que aproveita a luz solar e as acústicas naturais dos lugares sen os excesos de produción habituais neste sector.
Esta filosofía valeulle ao artista ser nomeado Embaixador Europeo do Medio Ambiente, acadando coas súas actuacións en marcos naturais que se identifique a marca cultural e patrimonial de Galicia coa súa música persoal, enraizada e pluricultural.
RESERVAS
A partir deste martes 26 de agosto abrirase o prazo para reservar os convites gratuítos a través do enderezo electrónico cultura@concellopoio.org ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 698.138.166.
A data límite para retirar ou reservar os convites será o xoves 4 de setembro.
O ciclo Son Verán tamén levará a Carlos Núñez o venres 5 de setembro ás 19:00 horas ao Castro da Troña en Ponteareas, completando así dúas citas excepcionais do gaiteiro en espazos de gran valor patrimonial.
A programación continuará coa participación de artistas como Óscar Ibáñez, que actuará en Cangas do Morrazo, Baiona e Sanxenxo, e o dúo formado por Teo Cardalda e María Monsonís, que visitará Forcarei, Mondariz, Moraña e Vilanova de Arousa.