Carlos Núñez, Café Quijano, O Crebanoces ou o concerto de Aninovo, ideas para agasallar cultura este Nadal

Pontevedra
08 de decembro 2025

O Pazo da Cultura e o Teatro Principal acollerán do 20 de decembro ao 30 de xaneiro unha programación musical que xa ten a venda activa en Ataquilla.com, disposta para Papá Noel ou os Reis Magos

Concerto de Aninovo 2025 da Orquestra Sinfónica de Pontevedra Cristina Saiz

Aquelas persoas que estean pensando en escribir as cartas aos Reis Magos ou Papá Noel e aquelas que simplemente queiran agasallar cultura estas festas teñen no Pazo da Cultura e o Teatro Principal de Pontevedra varias ideas nas que inspirarse. 

Así, entre o 20 de decembro e o 30 de xaneiro, os dous recintos culturais pontevedreses acollerán diversas propostas musicais que xa teñen entradas á venda en Ataquilla.com e poden ser un agasallo de Nadal diferente.

Desde o Concello de Pontevedra lembran que poden ser "unha experiencia para compartir tempo e gozar da música".

A primeira cita será o 20 de decembro ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura, un concerto de Carlos Núñez da súa xira ‘30 aniversario de A Irmandade das Estrelas’.

O músico galego máis internacional celebra o 30 aniversario do disco que revolucionou a música celta, converténdose nun fito da cultura galega.

A seguinte parada será o 1 de xaneiro ás 19.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura, o Concerto de Aninovo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra.

A Orquestra Sinfónica de Pontevedra achega nesta ocasión como proposta unha viaxe musica que comeza en Galicia, cunha primeira parte de homenaxe á figura de Prudencio Romo e Los Tamara nas voces de Paco Lodeiro e César Romero con arranxos de Manuel Otero Paino.

Rematará coa parte máis tradicional: a música dos Strauss e o Ballet de Galicia.

O 9 de xaneiro a cita será ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura, co espectáculo de danza ‘O Crebanoces’, unha proposta do Ballet Clásico Internacional con música de P. Tchaikovsky.

O Ballet Clásico Internacional é unha proposta artística de Tatiana Solovieva Producións, que leva 30 anos compartindo os mellores espectáculos con España, respectando e honrando a fermosa tradición do ballet clásico.

11 de xaneiro ás 19.00 horas a cita será no auditorio do Pazo da Cultura, con Café Quijano e o seu ‘Miami Tour 1990’. 

'Miami 1990' é o último traballo de Café Quijano, unha fresca continuación do son quijano máis auténtico, non exento de certos fragmentos sonoros dos anos 90.

A última cita desta proposta de agasallos será o 30 de xaneiro ás 21.00 horas no Teatro Principal. 

Trátase da presentación do novo disco Davide Salvado. Neste caso, as entradas sairán á venda próximamente.