Carmela Silva, sobre os festivais de música: "Non estou disposta a que se perda nin un só en Pontevedra"

Pontevedra
17 de abril 2020

Así o dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que aínda cre que é pronto para saber se este verán celebraranse os eventos incluídos no programa Rías Baixas Fest (O Marisquiño, Portamérica, Atlantic Fest, Sinsal, Sonrías, Vive Nigrán, Revenidas)    

Love of Lesbian no Atlantic Fest 2019
Love of Lesbian no Atlantic Fest 2019 / PontevedraViva

"Eu non estou disposta a que se perda nin un só festival na provincia de Pontevedra". Así o dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que aínda cre que é pronto para saber se este verán celebraranse os eventos incluídos no programa Rías Baixas  Fest (O Marisquiño, Portamérica, Atlantic Fest, Sinsal, Sonrías, Vive Nigrán, Revenidas).

A crise provocada polo coronavirus deixou en suspenso todo tipo de espectáculos e actuacións. 

Carmela Silva asume que todos "somos conscientes que vai haber medidas de distanciamento social mentres non haxa vacina" e isto afecta de cheo aos grandes eventos musicais do verán. 

Os organizadores viven estes días con incerteza á espera de ver como se desenvolven os acontecementos para tomar unha decisión. "Pero iso non significa que non se poidan realizar doutra forma", indicou a mandataria provincial. 

"Imos ter que  reinventarnos e as administracións tamén", animou Carmela Silva

"Imos ter que  reinventarnos e as administracións tamén", animou Carmela Silva. Isto significará que "seguramente as bases aprobadas imos ter que modificar" porque tanto os festivais de música como os de cinema, teatro, ou programas da Deputación como Musigal ou Pontegal "non van poder ser iguais". 

En todo caso, se os festivais non se poden celebrar no verán do 2020 habería que poñer os medios para "garantir" que se poidan desenvolver o próximo ano e neste sentido Carmela Silva dixo que "a Deputación de Pontevedra vai apoiar ao sector da Cultura, que é fundamental".

"Eu non vou abandonar ao mundo da Cultura, vou apoiar mesmo máis do que xa os apoiabamos", dixo Silva.

A próxima semana a presidenta da Deputación de Pontevedra manterá reunións telemáticas cos organizadores dos festivais de música e de cinema. "Eles teñen moitas ideas de como  reinventarse e eu quero escoitalos para que iso sexa posible" e adiantou que "este ano non se van a quedar sen recursos, iso si que o garanto".

Finalmente, Carmela Silva concluíu dicindo que "non me imaxino que por non apoiar aos festivais musicais perdamos un elemento diferenciador e  potentísimo de atracción de turismo".