A banda de indie rock madrileña Carolina Durante estreouse este venres no festival Sorrías Baixas cun directo no que logrou a entrega total do público.
A súa actuación era un dos momentos máis esperados da segunda xornada do festival, co público desexoso de asistir á presentación do seu novo disco, Elige tu propia aventura.
Xa consolidados como unha das bandas de guitarras referentes da súa xeración, mostraron ao público algúns dos seus temas máis recentes, como Hamburguesas, Joderse la vida ou Normal, e tamén recuperaron algúns dos seus primeiros hits, desde La noche de los muertos vivientes a Niña de hielo ou Cayetano.
Outro dos grandes reclamos da xornada foi Sen Senra, demostrando que conta cunha longa lista de seguidores na súa terra. A todos agradeceulles ese apoio incondicional desde a proximidade de 'Boas tardes, veciños".
Xa o anunciou nada máis pisar o escenario: "Non quero ser un cantante, quero ser algo mellor". E co seu show PO2054AZ, o artista de Forcarei conseguiuno.
Foi nunha xornada que contou cunha ampla representación de artistas galegos, como Grande Amore, que xa é un habitual deste festival.
O proxecto de Nuno Pico volveu a recalar no festival tras as súas dúas aparicións na tradicional Sesión Vermut os anos anteriores. Unha vez máis, e xunto a Clara Redondo á guitarra e mariagrep a cargo dos sintetizadores, non deixou indiferente a ninguén.
De talento galego deu tamén boa mostra Luís Fercán, que levou ao público de Bueu o seu cuarto disco, Postales perdidas, acompañado dunha banda que vai da man coa súa voz rasgada.
Tamén o talento madrileño conquistou o recinto das Lagoas, con representantes como Cariño, que presentou sobre o escenario Tanto por hacer, o seu terceiro álbum de estudo en seis anos e no que continuan a senda marcada nos seus predecesores, mesturando esa linguaxe infestada de sentido do humor e crítica made in Xene-Z.
Tampouco defraudou Shego, unha das formacións nacionais que máis interese está a espertar dos últimos meses, e que presentou No lo volveré a hacer, o seu segundo disco. Raquel, Maite e Charlotte ofreciron un concerto cheo de enerxía, actitude, descaro e letras directas e mordaces.
Melifluo, a banda da batería a guitarra de Supersubmarina, presentouse ante o público de Bueu con solvencia e demostrando que terán moito que dicir no sector. Aos irmáns Juan Carlos (batería de Supersubmarina) e Antonio Gómez Parrilla uníronse Jay (guitarra de Supersubmarina), Edu á guitarra e Juanan ao baixo e presentaron o seu album estreado na primavera, Voces externas.