A Praza do Concello de Pontevedra estreou este mércores unha placa no número 1 que lembra que "Nesta casa viviron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira", nun acto que serviu de clausura ao Ano Castelao na culminación ás actividades do 75 aniversario do pasamento do rianxeiro universal.
O evento congregou representantes de todos os grupos políticos da corporación municipal, estudantes dos institutos da cidade, membros de entidades culturais e veciñanza, coa ausencia do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores debido a unha intervención médica.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, abriu o acto con palabras de agradecemento: "Castelao deixou unha fondísima pegada na nosa cidade e no noso país. Este ano serviu para demostrar que está o seu pensamento aínda vivo. Este acto quere ser un agradecemento a todos e a todas vós".
En nome da comunidade educativa, catro estudantes salientaron a figura de Castelao como símbolo da Galicia emigrante, viva e transformadora.
Os estudantes Fiama Del Canto Sogo e Francisco Kabila González, do IES Valle Inclán; e Natasha Ríos Ciorba e Fiz Bello Alonso, do IES F. Martín Sarmiento foron os encargados de falar. Tamén colaborou na elaboración dos textos Carla Bouzas Pérez, do IES Xunqueira II.
"Lembramos a Castelao como emigrante, como alguén que marchou levando Galicia na memoria e no corazón", destacou unha das estudantes.
"Talvez nos diría que emigrar non rompe identidades, senón que as pon a proba, que a memoria é resistencia e que un pobo que lembra nunca desaparece", engadiu, vinculando as experiencias migratorias do escritor coas do seu bisavó.
Outra estudante remarcou a actualidade da mensaxe de Castelao: "No seu tempo denunciou o silencio imposto á nosa lingua. Agora, con aparente liberdade, o galego é minoritario por primeira vez. O seu discurso sobre a lingua segue sendo tristemente actual".
Recordaron tamén o compromiso humanitario do galeguista: "Castelao percorría Galicia en axuda dos máis necesitados; a súa solidariedade era práctica, non unicamente teórica", sinalando que a crítica e a reivindicación perviven a través da arte, da palabra e do compromiso social.
A intervención das estudantes lembrou tamén a relación inseparable do artista con Virxinia Pereira, a súa muller e compañeira de vida, clave para conservar e visibilizar o legado artístico: "Se hoxe podemos ver a obra de Castelao no Museo de Pontevedra é grazas a ela. Castelao, como republicano, estaría feliz de ver que unha rúa mudase o nome dun rei polo de Virxinia. Castelao loitaba polas ideas e, de estar hoxe aquí, preocuparíalle o cambio climático e defendería o planeta."
Na súa quenda, a pontevedresa Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, emocionada, celebrou a implicación da cidade cos valores do autor de 'Sempre en Galiza': "Eu veño aquí hoxe á miña vila, co corazón cheo de emoción, de recoñecemento e de gratitude", asegurou.
Recollendo as palabras de Castelao sobre Pontevedra, subliñou: "El escolleu Pontevedra para vivir e morrer. ‘Eu debo a Pontevedra o mellor da miña vida e agora padezo saudades da súa paisaxe, tristuras de non vela e esperanzas de retornar a ela’".
Álvarez fixo especial fincapé na necesidade de "construír unha Pontevedra e unha Galicia dignas das arelas de Castelao, orgullosas transmisoras da tradición, respectuosas e donas do seu futuro".
A presidenta concluíu sinalando que "a homenaxe comunitaria a Castelao non pode rematar aquí", e celebrou a resposta coral da vila: "Todo, todo pode rematar en min, menos o amor que sinto por Pontevedra", lembrando as palabras do intelectual galeguista.
A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, pechou a quenda de discursos, subliñando o compromiso da cidade coa memoria viva: "Estamos a facer visible unha memoria viva. Castelao está máis vivo que nunca: berrou contra o racismo, os abusos de poder e a defensa da dignidade fronte a calquera abuso".
Instou a que a placa sexa "un compromiso co presente e co futuro: mentres haxa quen defenda a dignidade, a igualdade e a liberdade dos pobos, Castelao seguirá vivindo tamén aquí, en Pontevedra".
Rosario Álvarez e Eva Vilaverde foron as encargadas de descubrir a placa que ofrece a imaxe simbólica de Castelao ante o aplauso dos presentes.
O acto finalizou coa interpretación do himno galego a cargo dos músicos de Os de Algures.
O numeroso público recibiu exemplares do libro "Meu Castelao!", unha obra que recolle colaboracións de diferentes personalidades que analizan a figura da figura emblemática da Galicia do século XX.