O Cineclube Pontevedra dedica febreiro á nouvelle vague e ao cinema de resistencia

Pontevedra
28 de xaneiro 2026
Actualizado: 7:25

O Cineclube Pontevedra programa en febreiro tres sesións no Teatro Principal con filmes de Jean-Luc Godard, Richard Linklater e Paulo Carneiro

Al final de la escapada Impéria Films

O Cineclube Pontevedra dedica a súa programación de febreiro de 2026 a tres nomes fundamentais do cinema contemporáneo e moderno: Jean-Luc Godard, Richard Linklater e Paulo Carneiro.

O ciclo, que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra, propón unha viaxe pola historia da nouvelle vague e polo cinema comprometido co territorio, a través de tres sesións programadas os martes 3, 10 e 24, sempre ás 20.30 horas.

A primeira cita, o martes 3 de febreiro, permitirá revisitar Ao final da escapada (1960), a ópera prima de Jean-Luc Godard e un dos títulos fundacionais da nouvelle vague francesa. O filme, protagonizado por Jean-Paul Belmondo e Jean Seberg, regresa ás salas nunha nova copia restaurada, ofrecendo ao público a oportunidade de reencontrarse cunha obra que revolucionou as normas formais e narrativas do cinema da súa época. A película foi recoñecida en 1960 co Oso de Prata á mellor dirección no Festival de Berlín.

Unha semana despois, o martes 10, o Cineclube proxectará Nouvelle Vague (2025), o novo traballo do director estadounidense Richard Linklater. Ambientado a finais dos anos cincuenta, o filme reconstrúe episodios clave do nacemento da nouvelle vague, centrándose especialmente na rodaxe de Ao final da escapada. Concibida como un making of ficcionado, a película rende homenaxe ao entusiasmo creativo de cineastas como Godard, Truffaut, Chabrol ou Rivette, e foi nomeada á Palma de Ouro no Festival de Cannes de 2025.

Pechará a programación, xa despois do Entroido, o martes 24 de febreiro, A sabana e a montaña (2024), do cineasta portugués Paulo Carneiro. Trátase dun documental híbrido que aborda a resistencia da veciñanza de Covas do Barroso fronte ao proxecto dunha mina de litio a ceo aberto promovida pola empresa británica Savannah Resources. A través dunha posta en escena que combina realidade, música e ficción, o filme reflicte a loita colectiva pola defensa do territorio e da identidade cultural. A obra participou na Quincena de Realizadores de Cannes 2024 e foi distinguida co Premio Tiempo de Historia na Seminci.

As tres proxeccións terán lugar no Teatro Principal de Pontevedra, en versión orixinal subtitulada ao español, consolidando unha programación que combina memoria cinéfila, creación contemporánea e cinema de compromiso social.