A piques de conmemorar o seu trixésimo aniversario, a Real Filharmonía de Galicia segue estreado as súas 'cometas' conmemorativas e unha delas soará, por primeira vez, en Pontevedra.
Será no concerto que a formación ofrecerá o vindeiro venres 7 de novembro, ás 20:30 horas, no auditorio de Afundación.
A orquestra compostelá, que estará dirixida pola alemá Ruth Reinhardt, interpretará en directo a cometa da compositora catalá Núria Giménez-Comas.
Estas pezas, breves obras sinfónicas de até 5 minutos de duración, foron encargadas por Real Filharmonía de Galicia a oito autores galegos e a oito profesionais do resto de España.
Explica a formación que queren establecer así "un diálogo entre o pasado, o presente e o futuro da música. Imaxinamos estas obras como raios de luz, reflexións sonoras que, xuntas, construirán un mosaico diverso e vibrante da música contemporánea".
A autora da obra sinfónica que será estreada en Pontevedra, Núria Giménez-Comas (Xirona, 1980) é unha das compositoras catalás con maior proxección e actividade internacional.
Moi interesada na música mixta, a súa obra foi interpretada por recoñecidos ensembles e orquestras en todo o mundo e colabora habitualmente con orquestras de prestixio.
Así, entre outros traballos, fixo obras por encargo para entidades como o parisiense Ircam-Centre Pompidou ou o Gran Teatre do Liceu de Barcelona.
Tras a estrea da peza composta por Giménez-Comas, a Real Filharmonía de Galicia completará o seu concerto con creacións de Hubert Parry, Detlev Glanert e Johannes Brahms.
Esta sesión musical está organizada en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Pontevedra. Os seus socios poderán recoller as súas entradas os días 5 e 6 de novembro na sede da organización ou, o mesmo día 7, no auditorio de Afundación.
Tamén hai entradas a disposición do público na plataforma Ataquilla.com.