Concerto de María do Ceo este sábado no Campo da Festa de Borela

Cerdedo Cotobade
29 de xuño 2023

A Comisión de Festas celebra ás 21 horas unha cea a base de mexillóns e chourizos ao viño con cachelos a un prezo de 7 euros

Concerto de María do Ceo na praza da Ferrería
Concerto de María do Ceo na praza da Ferrería / Cristina Saiz

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o concelleiro Bruno Portela e Silvia Piñeiro, membro da Comisión de Festas de Borela, presentaron o concerto da cantante portuguesa María do Ceo que terá lugar este sábado ás 22 horas no Campo da Festa de Borela dentro do programa Cerdedo-Cotobade en Sons. O concerto é aberto ao público en xeral e o acceso é totalmente gratuíto.

A Comisión de Festas de Borela aproveitará a celebración deste concertó para organizar ás 21 horas unha cea popular a base de mexillóns e chourizos ao viño con cachelos a un prezo de 7 euros por persoa. 

María do Ceo é unha artista portuguesa consagrada que leva moitos anos afincada en Galicia e é un dos nomes máis coñecidos dentro da música tradicional lusa e, concretamente, do fado.

Segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela "será unha oportunidade única para irmandar mediante a música e a canción a dous pobos tan parecidos e ao mesmo tempo singulares como son Galicia e Portugal a través da voz e da arte dunha cantante portuguesa, como é María do Ceo, que ten as súas raíces no país veciño, pero que desde ben pequena viviu e criouse na nosa terra".

"Ademais, María do Ceo ten un xeito moi especial de cantar que fai que transmita un forte sentimento do que disfrutaremos todos os que nos acheguemos ata Borela para vela cantar", engadiu.