Cerdedo celebrará as súas festas do Divino Ecce-Homo e da Virxe das Dores do 28 ao 30 de xullo

Cerdedo Cotobade
27 de xullo 2023

O alcalde Jorge Cubela agradeceu a implicación dos organizadores e ofreceu a máxima colaboración do Concello nas actividades festivas

Cerdedo celebrará as súas festas do Divino Ecce-Homo e da Virxe das Dores do 28 ao 30 de xullo
Cerdedo celebrará as súas festas do Divino Ecce-Homo e da Virxe das Dores do 28 ao 30 de xullo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro, as concelleiras Belén Casado e Maite Pichel e membros da Comisión de Festas de Cerdedo, presentaron este xoves o programa festivo que na honra do Divino Ecce-Homo e a Virxe das Dores terá lugar os días 28, 29 e 30 de xullo.

O programa festivo deste ano comezou xa o pasado sábado 22 de xullo coa actuación da cantante galega Mercedes Peón nun concerto que despertou grande interese e a aprobación do numeroso público asistente. Esta actividade chegou á veciñanza a través do programa Cerdedo-Cotobade en Sons que puxo en marcha este ano o Concello para achegar aos distintos lugares do municipio actuacións de música en directo.

O venres 28 de xullo, pola noite, haberá unha gran verbena amenizada polas orquestras París de Noia e Unión y Fuerza.

O sábado 19 comezará a xornada festiva cun pasarrúas e alboradas matinais a cargo do Grupo de Gaitas Os Abrentes de Cerdedo e ás 12:30 horas haberá misa solemne cantada polo Coro Parroquial, seguida de procesión. Pola tarde, a partir das 18 horas, haberá animación musical a cargo da Charanga OT. Pola noite, a verbena estará protagonizada polo Grupo Tania Veiras e Disketoca, dos creadores do escenario da Panorama. A xornada completarase á unha da madrugada cunha gran tirada de fogos artificiais.

O domingo 30, pola mañá haberá pasarrúas e alboradas a cargo da Banda de Música de Cerdedo. Ás 12:30 horas terá lugar a misa solemne cantada polo Coro Parroquial, seguida de procesión. Ás 20 horas, protagonizará un concerto a Banda de Música de Cerdedo na Praza do Concello mentras que o peche de festa correrá a cargo do Trío Tic Tac que actuará ás 22 horas na Praza do Concello.

Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, agradeceu a implicación da Comisión de Festas de Cerdedo na organización dos festexos e ofreceulles a máxima colaboración do Concello nas actividades festivas programadas e naqueles temas de infraestruturas e operatividade que puideran precisar.