A Igrexa de San Francisco de Pontevedra converteuse este mércores 9 no escenario dun histórico encontro co pasado, ao acoller o concerto conmemorativo do centenario da Sociedade Coral Polifónica.
Cen anos despois daquel 9 de abril de 1925, as bóvedas do templo volveron encherse coas mesmas melodías sacras que interpretaran os fundadores da emblemática institución musical.
Carlos Valle, actual director da Sociedade Coral Polifónica, agradeceu o apoio de todo o público que enchía a igrexa e de todas as autoridades que asistiron ao evento.como o conselleiro de Cultura, José López Campos; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, entre outros representantes políticos.
Baixo a batuta de Nanette Sánchez Ordaz, a coral ofreceu un coidado programa que incluíu pezas orixinais do seu primeiro concerto, nunha homenaxe aos seus fundadores, entre os que destacaron Blanco Porto -primeiro director-, Losada Diéguez, Castelao e Iglesias Vilarelle.
O concerto, que fixo o número 718 na historia da agrupación, dividíuse en dúas partes, sendo a segunda acompañada polo prestixioso pianista Alejo Amoedo Portela.
As voces solistas das sopranos Pilar Baamonde Lusquiños, Pilar García Pinal e Marta Valbuena Aguado engadiron brillantez a unha velada que congregou a numeroso público, quen puido gozar de balde desta cita histórica.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor durante o acto o carácter pioneiro desta formación, que foi a primeira coral galega en incorporar mulleres entre as súas filas.
Ademais, López Campos destacou o papel fundamental da Coral Polifónica na historia cultural de Galicia, especialmente a través de figuras como Castelao, de quen este 2025 celébrase o 75 aniversario do seu pasamento.
"A traxectoria desta formación permítenos descubrir facetas descoñecidas dos nosos persoeiros históricos", sinalou López Campos, quen salientou especialmente o traballo de Castelao como escenógrafo, unha vertente artística menos coñecida do ilustre galeguista, creador de panos para a Polifónica.