Delahoja reuniranse de novo na Urbana Monte Porreiro para acompañar a Soulmacklein

Pontevedra
01 de agosto 2024

A cuarta edición da proposta estival dedicada ás músicas urbanas desenvolverase no Miradoiro de Monte Porreiro o 6 e 7 de agosto

Camilo Serodio na Playlist de PontevedraViva Radio
Camilo Serodio na Playlist de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

A banda pontevedresa Delahoja volverá reunirse o vindeiro martes 6 de agosto na Urbana Monte Porreiro para acompañar a un dos seus integrantes, Soulmacklein, acartelado nesta proposta estival de músicas urbanas que chega á súa cuarta edición.

Nesta primeira data do 6 de agosto abrirá actuación Xavibo, artista mallorquino de hip hop que acaba de publicar a finais de xullo o EP 'Las burbujas del cajón'. Inclúe cinco temas que quedaron fóra do seu último álbum publicado en 2023 'Papel de burbujas'. Este novo traballo contén unha colaboración con Marc Seguí e unha versión dun tema de Nena Daconte.

Soulmacklein, nome artístico de Camilo Serodio, ten un elepé editado en 2018 'Welcome to la isla' e un sinxelo en 2022, 'Corazón de hielo'. O pontevedrés prepará EP para o ano próximo. Sobre o escenario tamén estarán os seus compañeiros de viaxe en Delahoja, a banda de rap creada en 1996 e que tivo no porteiro do Barcelona, Pinto (ou Wahin na súa faceta como produtor) ao seu gran proxector artístico, lanzando en 2012 o álbum 'Más difícil todavía', publicado por Sony Music.

O mércores 7 de agosto actuará o rapero malagueño Foyone, un nome destacadísimo neste xénero en España e tamén en Lationamérica. Ten editados oito álbums, o máis recente 'Demoni' deste 2024. O segundo dos nomes desta velada será o das viguesas Vértebras. Amari e Ika Subversiva xurdiron o pasado 2023 da escena rap na cidade olívica. Críticas nas súas letras, que interpretan en galego, publicaron, tras varios sinxelos, o seu primeiro álbum no primeiro trimestre deste ano co título '42 gramos'.

A Urbana Monte Porreiro é unha das iniciativas coas que o Concello de Pontevedra quere levar a súa programación estival a todos os barrios da cidade e neste caso "queremos facer un esforzo especial para que Monte Porreiro tamén teña unha programación de calidade" dixo o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez. As actuacións destas dúas datas comezarán ás 21.00 horas.