Do 7 ao 11 de agosto, blues e soul vibrarán na Ferrería no 29º Festival Internacional de Jazz e Blues

Pontevedra
03 de agosto 2023

Gisele Jackson abrirá o luns 7 esta edición na que tamén ofrecerán concertos Acantha Lang, Vanessa Collier, Pablo Patiño e Mr River. Un ano máis, a música de jazz percorrerá as rúas de Pontevedra coa Street Band Chivinjazz ás 12.30 e ás 20.00 horas

Gisele Jackson and The Shu Shu’s en concerto
Gisele Jackson and The Shu Shu’s en concerto / Gisele Jackson

"Esta programación só pode verse en Pontevedra e iso é bastante exclusivo". Con estas palabras presentaba Paco Charlín, un dos organizadores, a 29ª edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que se celebrará entre o 7 e o 11 de agosto con actuacións na praza da Ferrería.

José Antonio Ortiz, outro dos coordinadores do evento, explicaba na presentación do Festival, co concelleiro de Festas e Cultura, Demetrio Gómez, que nesta edición predomina o blues e o soul: "cada edición ten un rumbo diferente", explicou.

O Festival iníciase o 7 de agosto con Gisele Jackson, que substitúe a Carolyn Wonderland, que suspendeu o concerto debido a motivos de saúde. Ortiz definiu a Gisele Jackson como unha veterana do blues, unha das mulleres que na súa mocidade foi corista do histórico Ray Charles. Agora experimenta un novo interese nos festivais e, desde a organización, esperan que poña á praza da Ferrería en pé. Estará acompañada polos The Shu Shu's, que contan cun dos mellores instrumentistas europeos de órgano Hammond, Abel Boquera.

Acantha Lang subirá ao escenario o martes 8. É a aposta da organización neste 2023 por unha artista que está a iniciar a súa carreira. O seu disco saíu ao mercado hai un mes e ofrecerá unha liña soul. Na Ferrería, Lang estará acompañada pola banda completa con coristas e metais coa que gravou o álbum. Ortiz explicou que é unha "artista inédita nestes pagos e dentro duns anos non vai ser fácil de contratar", que segue a fórmula actual de proxectar e distribuír temas en plataformas dixitais para despois publicar o seu disco. "unha maneira moi diferente á de hai 29 anos, cando comezou o festival", indicou José Antonio Ortiz.

Xa o mércores 9 chegará a quenda da cantante e saxofonista Vanessa Collier, que ofrecerá un concerto de blues-rock. Segundo a organización, Collier atópase nunha etapa de madurez e Pontevedra pechará a xira europea que está a desenvolver esta compositora de Dallas.

Paco Charlín presentaba, pola súa banda, os dous últimos concertos do Festival con sabor galego. Pablo Patiño, músico de Vilagarcía, formado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra será o intérprete "máis jazzero" desta edición. A súa actuación o xoves 10 na Ferrería contará coa colaboración de músicos de renome de Portugal e España con representantes do mellor jazz que se realiza en Galicia.

O 11 de agosto chegará a actuación de Mr River, grupo de jazz session de Pontevedra, que presentará o seu traballo discográfico 'Night Court'. 

A todas estas actuacións na Ferrería, ás 22.30 horas e todas gratuítas, sumaranse as sesións de Jazz pola Rúa coa Street Band Chivinjazz, desde o 7 ao 11 de agosto, ás 12.30 e ás 20.00 horas. 

Charlín agradeceu que o Concello de Pontevedra arroupe os músicos galegos coa súa presenza dentro da programación dun Festival que, por primeira vez en moitos anos, vai celebrarse en agosto para unha mellor adaptación ás Festas de Verán. Estas datas non son definitivas e o próximo ano estudarase se regresa ao mes de xullo, explicou Demetrio Gómez. Para os organizadores, nesta ocasión resultaron beneficiados porque en xullo se rexistraron días de choiva que poderían afectar a celebración dos concertos. 

En todo caso sinalaron que "os interesados a esta música e propulsores son máis fiables que outro tipo de público que acode a festivas" e, por este motivo, "a quen lle interesa vai a semana que sexa", asegurou Paco Charlín, que espera un novo éxito de público nesta nova edición co seguinte programa definitivo:

• Luns, 7 de agosto, 22.30 horas - Gisele Jackson and The Shu Shu’s
• Martes, 8 de agosto, 22.30 horas - Acantha Lang
• Miércores, 9 de agosto, 22.30 horas - Vanessa Collier
• Xoves, 10 de agosto, 22.30 horas - Pablo Patiño
• Venres, 11 de agosto, 22.30 horas - Mr River