Estudantes de Belas Artes impulsan un foro sobre creación e xestión cultural en Galicia

Pontevedra
13 de decembro 2025

Con 'Voces de lo posible' buscan abrir un espazo de reflexión colectiva, no que compartir experiencias e demostrar que desde Galicia é posible construír un futuro nas profesións creativas

Inauguración da exposición "Puedo reconocer el entramado de los hilos", en Kentada Omar Oubiña

Pensar o presente e imaxinar o futuro das profesións creativas en Galicia. Ese é o espírito de Voces de lo posible, un encontro cultural impulsado por tres estudantes da Facultade de Belas Artes —Cristina Rus, Sara Ricoy e Laura Hernández— que este sábado 13 e domingo 14 converterá o espazo da asociación Kentada nun lugar de diálogo, aprendizaxe e intercambio de experiencias.

Aberto ao público, o evento nace coa intención de poñer en común traxectorias que demostran que é posible vivir da creación artística sen abandonar o territorio, apostando por modelos sostibles e enraizados no contexto galego. Para iso, Voces de lo posible reunirá responsables de colectivos, proxectos culturais e profesionais de distintos ámbitos, que compartirán os seus camiños, retos e formas de traballar dentro do panorama cultural actual.

A programación comezará este sábado ás 16.00 horas coa mesa Xestión cultural, comisariado e montaxe, na que participarán representantes de VacioCero Servicios Culturales, o artista e doutor en Belas Artes Thomas Apostolou, a comisaria e xestora cultural Elena Bangueses e o artista e investigador Alberto Santos, responsable do proxecto itinerante Ash Projects. Unha conversa para achegar ao público ás realidades que hai detrás da organización, produción e exhibición de proxectos artísticos.

A primeira xornada pecharase cun encontro arredor da autoedición e a creación, no que intervirán o ilustrador, artista e docente Berto Fojo, membro fundador do Liceo Mutante; representantes de Boa Onda Cómix; e a artista e deseñadora gráfica Cynthia Alfonso, cofundadora do estudo de animación experimental Rapapawn.

O domingo, a partir das 12.00 horas, será a quenda da mesa Perfiles de dinamización e creación, coa participación do artista e investigador Álex Fuertes e de representantes de Kentada, unha asociación impulsada por estudantes e antigos alumnos da Facultade de Belas Artes. O encontro pecharase ás 14.00 horas coa intervención da artista e investigadora Holga Méndez, doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo.

Con Voces de lo posible, as súas promotoras buscan abrir un espazo de reflexión colectiva, no que compartir experiencias reais e inspiradoras e demostrar que, tamén desde Galicia, é posible construír un futuro nas profesións creativas.