O I Festival de Música Antiga Ars Longa Gallaecia baixou o pano este sábado cun balance máis que positivo e cunha "excelente acollida", asegura o Concello de Barro.
Foron sete concertos, entre o 19 de xullo e o 16 de agosto, que conquistaron ao público en tres espazos únicos: a Igrexa de Santa María de Perdecanai, a Igrexa de San Martiño de Agudelo e o Pazo da Crega.
Desde o primeiro acorde até o último aplauso, o festival foi un éxito total, superando as expectativas da organización.
O público non só gozou dun alto nivel artístico por parte dos grupos e solistas invitados, senón tamén dunha contorna incomparable.
O diálogo entre a música antiga e os espazos patrimoniais converteu cada cita nunha experiencia para os sentidos.
Baixo a dirección artística de Teresa Paz e Aland López, esta primeira edición deixou claro que o Ars Longa Gallaecia chegou para quedar. A súa fórmula de mesturar patrimonio e excelencia musical, aseguran, funcionou á perfección.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, non dubidou en destacar a calidade do festival e o entusiasmo do público "este festival de primeiro nivel destacou pola súa calidade artística e pola extraordinaria resposta do público, que demostra que a música antiga pode dialogar á perfección co noso patrimonio e proxectar Barro como un referente cultural".
O evento foi posible grazas ao traballo conxunto do Concello de Barro, a Asociación Cultural Ars Longa Gallaecia e as parroquias de Perdecanai e Agudelo. Todas as partes coinciden na excelente valoración desta primeira edición, que situou a música antiga no corazón da vida cultural do municipio.
E visto o entusiasmo… todo apunta a que isto só foi o comezo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.