Felicia de Fofe, gran voz da tradición oral, será homenaxeada na Semana das Letras en Vilaboa

Vilaboa
12 de maio 2025

O municipio pon en marcha un amplo programa con música, títeres e contacontos que culminará o sábado 17 cunha xornada dedicada á poesía popular oral

Debuxo de Felicia de Fofe Consello da Cultura Galega

A figura de Felicia Insuela, coñecida como "Felicia de Fofe", unha das grandes voces da tradición oral galega que residiu en Paredes durante boa parte da súa vida, será a protagonista do acto central co que o Concello de Vilaboa pechará a súa Semana das Letras Galegas 2025.

A programación, que comeza este martes e se estenderá ata o sábado 17 de maio, está especialmente orientada ao público infantil e forma parte da iniciativa "Reactiva Vilaboa", un proxecto municipal que busca dinamizar culturalmente o concello a través de diversas propostas para todos os públicos.

"Vilaboa cántalle ás Letras" é o nome da xornada de clausura que terá lugar o sábado 17 na Casa de Cultura de Riomaior. A homenaxe á cantareira, coordinada polo músico pontevedrés Marcelo Dobode, comezará ás 18:30 horas cunha charla a cargo de Guillerme Ignacio Costas, quen lembrará a traxectoria desta transmisora de romances e cantigas populares do rural galego.

Felicia de Fofe, falecida en 2016 aos 86 anos, foi unha colaboradora habitual de programas como "Luar" e "Alalá" da Televisión de Galicia, onde popularizou o seu particular estilo. Ademais, participou activamente na fundación da Asociación Cultural de Paredes, deixando unha profunda pegada no patrimonio inmaterial da contorna.

Tras a charla, ás 19:15 horas, o colectivo Polo Correo do Vento presentará a actividade "Cantareiras, a poesía popular nas Letras Galegas", baseada no libro editado por Lela Edicións do que son autores. Durante a sesión contarán de xeito ameno as biografías das cantareiras homenaxeadas, crearán un mural colectivo, interpretarán pezas das propias artistas e convidarán aos asistentes a debuxar caricaturas de pandereteiras.

A xornada pecharase ás 20:00 horas cun concerto das Pandereiteiras de Arcade (Tudutén), poñendo o broche musical a esta celebración dedicada á poesía popular oral, eixo temático das Letras Galegas deste ano.

Pero antes de chegar a esta xornada final, o Concello de Vilaboa ten preparada unha completa programación que comeza este martes coa actuación infantil "Ramona Órbita, a dona do tempo", un espectáculo que, a partir das 18:00 horas na Casa de Cultura de Riomaior, combinará rock and roll e concienciación ambiental.

O mércores será a quenda de "Os contos do gato", unha sesión na que o gato Fazulas compartirá historias para toda a familia. Xa o xoves 15, a compañía Ó titiribaile presentará "A sala de Catapunchimpun", un espectáculo de títeres que mostrará como se deciden os finais dos contos nunha imaxinaria fábrica de historias.

A programación trasladarase o venres pola mañá ao CEP Plurilingüe de Riomaior, onde actuarán as Pandereteiras de Cobres para achegar a música tradicional galega aos escolares do centro.

Todas as actividades programadas polo Concello de Vilaboa son de balde e desenvolveranse principalmente na Casa de Cultura de Riomaior, agás a actuación do venres no colexio.