A décima edición do festival Vilablues, que se celebra esta fin de semana en Vilanova de Arousa, modifica a localización dos seus concertos principais.
Ante a previsión de choivas, os organizadores decidiron trasladar as actuacións do escenario Xacobeo, inicialmente previstas no parque do Cabo, ao pavillón dos Deportes do municipio, tanto para o venres como para o sábado.
Este será o único cambio significativo na programación, xa que se manteñen os horarios inicialmente anunciados para todos os concertos.
As sesións vermú, pola súa banda, terán lugar no escenario Galicia Deleite, na praza do Castro. En caso de que a choiva impedise a súa celebración ao aire libre, estas trasladaríanse á Cofradía Taberna Cultural.
Todos os concertos e actividades da décima edición do Vilablues son gratuítos.
A xornada inaugural deste venres 29 de agosto promete un cartel de luxo coa presenza de:
-
Shirley Davis & The Silverbacks (01:00h): A nova diva do soul europeo, de orixe londinense e raíces xamaicanas, chegará a Vilanova coa súa banda habitual para pechar a noite.
-
Los Deltonos (23:30h): O power trío liderado por Hendrik Röver, cunha traxectoria de catro décadas, demostrará por que son unha das bandas de blues e rock máis grandes da península.
-
Adrián Costa Blues Band (22:00h): O carismático guitarrista compostelán, referencia fundamental do blues galego desde os seus inicios con Los Reyes del K.O., ofrecerá o seu particular son.
A primeira xornada do Vilablues 10 completarase coa actuación de outras dúas bandas galegas de recoñecida traxectoria: os composteláns Mad Martin Trío (20:15h) e os vigueses Los Pontiaks (19:00h). Ademais, a sesión vermú contará coa presenza de The Blues Moonshiners (13:00h), banda formada por músicos lendarios da escena galega do blues como Jay Doe, Ramón Figui e Fran Trilli.
As portas do pavillón dos Deportes abriranse ás 18:30 horas.