Este mércores presentábase no Peirao do Attilio o Festival Internacional de Cinema de Bueu 'FICBUEU', que volverá ofrecer algúns das mellores curtametraxes internacionais recollendo as novas tendencias da creación audiovisual.
A partir deste venres 8 de setembro comezará a edición deste 2023, que se prolongará ata o sábado 23. Trátase da décimo sexta celebración dun evento que, nesta ocasión, ofrecerá 89 películas de ao redor de trinta países.
Á presentación asistían os directores do Festival, Manuel Pena, maría Ruiz-Falcó e Nerea Lores, con intervencións de Jacobo Sutil, director de AGADIC; Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra; Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta provincial; e Carmen García, concelleira de Cultura en Bueu.
O espazo central de actividades volverá ser o Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu onde se verán as 28 pezas que compiten na "Sección Oficial" e que, en numerosos casos, veñen precedidas de premios en festivais como Venecia, San Sebastián, Berlín, Sundance ou Cannes.
Nesta edición ofreceranse catro curtas producidas ou dirixidas en Galicia dentro desta "Sección Oficial" e outras seis presentaranse no espazo "GZ_00".
Ademais, o certame volverá ser un elemento básico de difusión cultural con numerosas actividades como o Cinema Circulante, que trasladará proxeccións, actuacións musicais e talleres vinculados á cultura galega para todos os públicos; o programa Residencia FICBUEU destinado a formar a persoas creadoras para desenvolver curtametraxes. Isabel Peña, guionista de películas como 'As Bestas' ou 'El Reino' será a encargada de ofrecer esta formación nun proxecto que se desenvolverá entre o 9 e o 15 de outubro na Illa de Ons.
COMPROMISO SOCIAL
O FICBUEU tamén destina recursos desde o punto de vista social e estreará curtas realizadas por persoas usuarias do ITA Verducido. Ademais, establecerase unha ludoteca infantil para favorecer a conciliación familiar, converténdose no primeiro festival en Galicia de cinema que ofrece este servizo.
Está prevista unha campaña de recollida de produtos de hixiene feminina, que serán doados ao banco da Federación Española de Bancos de Alimentos en Bueu, do mesmo xeito que produtos alimentarios que entregue o público nas sesións.
O festival de Bueu tamén renderá un tributo ao documentalista neerlandés Joris Ivens e á actriz galega Luisa Merelas, que recibirá o Premio Cinema Galego pola súa traxectoria profesional.