A última gran revelación da nova era da música galega non quixo perderse as Festas da Peregrina de Pontevedra. O dúo vigués Fillas de Cassandra subirá ao escenario da Praza de España o sábado 17 de agosto.
Sara Faro e María SOA, as integrantes de Fillas de Cassandra, lograron revolucionar o panorama musical en Galicia coa súa brillante fusión de tradición e modernidade, demostrando unha imbatible combinación de mocidade e talento.
Acrópole, editado en 2023, é o seu primeiro disco. Nel, recuperan as melodías tradicionais e crean novas líricas, inspiradas polo canto oral e influenciadas polo pop, a electrónica ou a música clásica.
Fano ademais cun directo que bebe do teatro, convidando o público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescatan da mitoloxía clásica e coas que buscan establecer un diálogo.
Sempre desde unha mirada feminista e actual, as súas composicións transitan da emotividade ao desenfado vibrante sen esquecer o activismo.
O piano e as diferentes percusións son apoiados por bases electrónicas que, a pesar da súa potente sonoridade, non eclipsan nin as súas letras nin as súas voces, sempre nun primeiro plano grazas ás súas harmonías vocais moi coidadas.
O de Fillas de Cassandra é o terceiro concerto confirmado para as Festas da Peregrina, tras os anuncios das actuacións de Nil Moliner e de Pimpinela.