Fomentan o veganismo como estratexia fronte á crise climática na Semana Galega de Filosofía

Pontevedra
10 de abril 2026

A filósofa Marta Tafalla propón un cambio de modelo alimentario nunha xornada que incluíu a primeira recepción vegana no Mercado de Pontevedra coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores

Recepción do alcalde a relatores da Semana Galega de Filosofía
Recepción do alcalde a relatores da Semana Galega de Filosofía / Aula Castelao de Filosofía

A filósofa e profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, Marta Tafalla, defendeu na XLII Semana Galega de Filosofía a integración do animalismo e o ecoloxismo como vía para a sustentabilidade do planeta.

Durante a sesión matinal deste xoves, 9 de abril, a relatora vinculou o actual sistema de produción alimentaria coa extinción masiva de especies e a deforestación.

Tafalla sinalou o antropocentrismo como a orixe da crise ambiental e propuxo unha transición cara a unha dieta baseada en plantas.

Segundo a súa exposición, un cambio colectivo cara ao veganismo permitiría reducir nun 75% a superficie de terra dedicada á produción de alimentos, espazo que debería retornar ao seu estado natural para mitigar o cambio climático.

A autora explicou que a pretensión de manter un consumo de carne elevado para unha poboación de 8.000 millóns de persoas resulta biofisicamente insostible para a biosfera.

A actividade institucional da xornada trasladouse ao Mercado Municipal, onde o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu os integrantes da Aula Castelao e aos relatores do evento.

Este encontro serviu para ofrecer un petisco composto exclusivamente por produtos veganos e de quilómetro cero, nunha iniciativa que busca poñer en valor o comercio de proximidade.

O rexedor destacou a función do mercado local como eixo da economía da zona e ferramenta contra a contaminación, vinculando tamén o modelo urbano da cidade co fomento da saúde a través do exercicio físico.

A programación de tarde continuou coa intervención de Enrique Banet, quen abordou a alimentación dende unha perspectiva holística baseada no Ayurveda, definindo o acto de nutrirse como un exercicio de observación e autocoñecemento.

Pola súa parte, a catedrática de Antropoloxía Social, Mabel García, pechou as conferencias do xoves cunha análise sobre como as prácticas alimentarias reflicten as interaccións e as desigualdades sociais.

A XLII Semana Galega de Filosofía finaliza este venres no Pazo da Cultura coas intervencións de Gabriela Berti e Luisa Muñoz Abeledo. A lección de clausura correrá a cargo do catedrático de ética Javier Sábada.