O Teatro Principal de Pontevedra converterase este domingo 18 de maio, ás 20.00 horas, nun espazo de encontro co cinema galego máis recente.
O Festival Internacional de Cinema Novos Cinemas acollerá unha sesión especial da súa sección Ágora, na que se proxectarán as curtametraxes "O frío", de Pablo Dopazo, e "A roiba", de Jaime Olmedo.
Ambos cineastas, naturais de Pontevedra, estarán presentes na sesión acompañados por Suso Novás, director artístico do festival, para compartir co público as claves das súas creacións nun coloquio posterior.
A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade.
Esta proposta insírese na filosofía de Ágora, a sección do festival que aposta polo diálogo e a reflexión arredor da creación audiovisual, abrindo espazos para o intercambio entre profesionais e espectadores, e contribuíndo a fortalecer o tecido cinematográfico galego desde a independencia formal e estética.
Na pantalla do Principal veranse dúas obras moi distintas mais complementarias. "O frío" (2024), de Pablo Dopazo, afonda na interrupción do cotián por un feito extraordinario, reflectindo a irrupción do pasado nun presente aparentemente estable.
Con guión do propio Dopazo e protagonizada por José María e Daniel Sanjurjo, a peza destaca pola súa contención narrativa e atmosfera suxestiva.
Pablo Dopazo, formado en literatura e filosofía, fundou xunto a Anna Kulyk a produtora Nova Industria Films, desde a que impulsa proxectos comprometidos cunha economía política alternativa do cinema. Tras O frío, ultima a súa primeira longametraxe, Os Salmos.
Pola súa banda, "A roiba" (2024), dirixida e fotografada por Jaime Olmedo, mergúllase na memoria arquitectónica da ría de Pontevedra para retratar a singular construción estival que o recoñecido arquitecto Ramón Vázquez Molezún erixiu en 1967 sobre unha antiga salgadura.
A curtametraxe reconstrúe visualmente esta obra emblemática da arquitectura moderna en Galicia, combinando documentación, imaxe aérea e sensibilidade estética.
Jaime Olmedo combina o seu traballo como fotógrafo fixo en cine coa creación artística persoal. A súa primeira exposición individual, Supoño que estiven alí, xirou arredor do río Lérez. En O frío colaborou tamén como director de fotografía.