Gabriel Tizón en conversa con Antón Sobral nunha nova sesión do ciclo da Bienal 2025

Pontevedra
26 de agosto 2025
Actualizado: 10:48

O fotógrafo Gabriel Tizón falará sobre unha traxectoria marcada polo compromiso social, o testemuño directo e a forza poética da imaxe

Gabriel Tizón Deputación de Pontevedra

Este mércores, 27 de agosto, ás 20:00 horas, haberá unha nova sesión do Ciclo Conversas con Artistas.

O fotógrafo Gabriel Tizón falará con Antón Sobral sobre unha traxectoria marcada polo compromiso social, o testemuño directo e a forza poética da imaxe.

Nado en Ferrol en 1973 e formado no ámbito do fotoperiodismo, Tizón traballou en máis de trinta países documentando migracións forzadas, conflitos bélicos e as consecuencias silenciosas do poder e da desigualdade. A súa ollada —crítica, sensible e profundamente humana— deu lugar a proxectos expositivos e sociais de grande impacto, coma Causas Comúns e “Utopia Project”, desenvolvidos tanto en África coma nas fronteiras de Europa.

Neste encontro íntimo, abordaranse temas coma a ética na fotografía documental, a responsabilidade do artista fronte á inxustiza e o poder transformador da imaxe como forma de memoria e acción.

Esta actividade ten entrada libre ata completar a capacidade.

E este venres, 29 de agosto de 2025 o Programa de Artes Vivas da Bienal visita o Museo do Mar de Galicia en Vigo para coñecer a proposta do artista Marc Vives.

En 2018 Marc Vives decidiu adoptar a rutina de nadar desde a praia de La Barceloneta ata aliñarse coa montaña de Montjuïc e tratar de comunicarse con ela. Este exercicio derivou nunha serie de obras performativas, fotografías, debuxos, vídeos e pezas de audio. No vídeo SSSSS (iniciais de area, mar, sol, sexo e sangría en inglés), Vives nada ao longo da Costa Brava, cunha cámara suxeita á cabeza, para crear unha experiencia desconcertante e fragmentaria dunha paisaxe costeira máis ou menos familiar que inclúe beleza salvaxe e monstros construídos polo home.

Marc Vives Muñoz (1978, Barcelona) canta e nada entre as artes escénicas e as visuais. Traballa coa materialidade da voz na súa potencialidade escultórica co obxectivo de infiltrarse en arquitecturas, paisaxes e otres cuerpes e reformular unha orde establecida. Fíxase nas tradicións e nas formas de manifestación colectiva. O seu ámbito de afectación excede a práctica artística e dedícase á pedagoxía, ao comisariado ou á xestión, co cal busca transformar colectivamente o modelo contextual.

GERVASIO SÁNCHEZ

Por outra banda, este sábado, 30 de agosto, será a clausura da mostra Gervasio Sánchez. Vidas Minadas 25 años en el Café Moderno

Última semana para visitar esta exposición que reflicte un cuarto de século de traballo sobre as devastadoras consecuencias das minas antipersoa.

Arquivado en