Gala triunfal para despedir os actos do Ano Castelao

Pontevedra
18 de decembro 2016

O acto contou con teatro, música e humor da man de diversos artistas como Carlos Blanco, Luis Davila e Bea Campos, ademais dunha serie de accións complementarias como unha alfombra vermella ‘con sorpresa’ a cargo de Rei Zentolo

Gala final do 'Ano Castelao' Diego Torrado

Máis de 700 persoas procedentes de distintos puntos de Galicia encheron este domingo o patio de butacas do Pazo da Cultura para ver a gala que pechaba os actos de celebración do 'Ano Castelao'

O 18 de decembro de 1931, Alfonso Rodríguez Castelao pronunciaba nas Cortes o discurso no que demandaba o inicio do procedemento para o Estatuto de Autonomía de Galicia. 85 anos máis tarde, o actor Celso Parada subiu ao escenario do auditorio para lembrar ese momento histórico.

Ao longo da tarde, o público asistiu a números teatrais a cargo de Limiar Teatro, a música de 2na Fronteira, Xurxo Souto e Lydia Boana, ademais da combinación do debuxo e do humor con Luís Davila e Carlos Blanco que ofreceron unha combinación dos debuxos do autor de Rianxo con personaxes como Dora Desbrosadora. Todo o espectáculo foi presentado pola actriz pontevedresa Bea Campos.

Os espectadores tamén participaron do photocall fotografándose coa imaxe do cartaz creado por Rei Zentolo e cunha silueta a tamaño real de Castelao. Tamén se elaborou unha alfombra vermella con referencias á figura do galeguista.

'Polo correo do vento' encargouse do espazo infantil cun obradoiro de pintado de camisetas con deseños tamén do Rei Zentolo. Os escolares recibiron un libro de Carlos Taboada coa historia de Panchito, o personaxe negro de Castelao que lanza mensaxes sobre o medio ambiente.

A esta gran gala asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do deputado de Cultura, Xosé Leal; ademais do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, entre outros membros da corporación.