Homenaxe a Valle-Inclán nunha intensa Semana da Cultura en Vilanova de Arousa

O Salnés
22 de outubro 2025

As actividades comezan este xoves 23 de outubro, co obxectivo de celebrar o 159 aniversario do nacemento do escritor de Vilanova de Arousa e promover o seu legado cun amplo abano de actividades

Auditorio de Vilanova de Arousa Concello de Vilanova de Arousa

A Semana da Cultura regresa a Vilanova de Arousa destacando, unha vez máis, a figura de Ramón María del Valle-Inclán, con motivo do 159 aniversario do seu nacemento.

Ao longo dos días comprendidos entre o 23 e o 31 de outubro, o municipio converterase en escenario de múltiples iniciativas culturais impulsadas polo Concello de Vilanova de Arousa, a través da Casa-Museo Valle-Inclán e a Concellería de Cultura e Turismo, xunto con entidades colaboradoras como Mar de Santiago, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e a Asociación Amigos de Valle-Inclán.

A programación inclúe desde presentacións literarias ata concertos e actividades para o público infantil.

O xoves 23, ás 20:00 horas, terá lugar na Igrexa da Pastoriza a presentación do libro "A Vilanova literaria de Don Pastor", de Benito Leiro.

O venres 24 abrirase cunha lectura pública e un contacontos na Biblioteca Municipal con motivo do Día das Bibliotecas.

A celebración do Samaín e a función "Quen dixo medo?", a cargo da Compañía Barafunda, serán protagonistas o sábado 25.

O domingo 26 está previsto un concerto de Teo Cardalda e María Monsonís no Auditorio Valle-Inclán, titulado Descubrindo a Valle-Inclán.

O programa continúa o luns 27 con visitas dramatizadas na Casa-Museo Valle-Inclán guiadas por Fátima Rey. O martes 28 celebrarase unha ofrenda floral na Praza do Castro en homenaxe ao escritor.

Pecharanse as xornadas o venres 31 cun acto conmemorativo dos 25 anos da Asociación Amigos de Valle-Inclán e os 50 números da Revista Cuadrante, así como a entrega do IV Premio Mari Gaila á actriz Catarina de Azcárate.