Humor galego para o outono en Vilagarcía con Carlos Blanco, Touriñán e David Cepo

O Salnés
16 de setembro 2025

Carlos Blanco e Touriñán regresan co seu exitoso 'Somos criminais e punto final', mentres David Cepo presenta "Non cruces os brazos", o seu novo monólogo interactivo

Touriñán e Carlos Blanco Concello de Vilagarcía de Arousa

A programación cultural de outono en Vilagarcía de Arousa terá o humor como fío condutor con dúas propostas que xa contan coa expectación do público local.

O sábado 25 de outubro, a partir das 20:30 horas, Carlos Blanco e Touriñán subirán ao escenario co espectáculo 'Somos criminais e punto final', un dos proxectos máis exitosos do teatro galego das últimas décadas que leva de xira todo o 2025 acadando unha notable repercusión.

A trama sitúa aos dous cómicos como capitáns da nave Arteixo II, a punto de despegar cuns poucos elixidos a bordo cara "un planeta onde empezar unha nova vida" a pouco máis dunha hora do fin do mundo.

A súa misión será encher a nave "con todo o noso patrimonio humano, material e inmaterial máis valioso".

As entradas están dispoñibles por 16 euros, gastos de xestión aparte.

Dúas semanas despois, o 8 de novembro ás 18:30 horas, será a quenda de David Cepo co seu monólogo "Non cruces os brazos", un espectáculo de 75 minutos recomendado para maiores de 14 anos no que a participación do público resulta fundamental.

David CepoConcello de Vilagarcía de Arousa

Cepo, que leva máis de vinte anos na industria e forma parte do popular 'Las noches del Club de la Comedia', centra a súa proposta no "día a día, o humor branco adaptado a todos os públicos", facendo que os espectadores se sintan parte do show mediante a interacción constante. As entradas están á venda desde 24 euros.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, destacou que estes espectáculos "prometen ser un éxito, como soe ser habitual con este tipo de temática, que conta con moi boa acollida na nosa cidade".

As entradas para ambos espectáculos xa están dispoñibles en ataquilla.com.