James Rhodes levará o seu espectáculo “Manía” a Vilagarcía o 27 de marzo

O Salnés
27 de xaneiro 2026
Actualizado: 13:41

O pianista británico ofrecerá no Auditorio Municipal un concerto no que mestura música clásica, relato persoal e interacción co público

Concerto de James Rhodes no Pazo da Cultura Diego Torrado

Vilagarcía de Arousa acollerá o vindeiro 27 de marzo, ás 20.00 horas, o concerto do recoñecido pianista James Rhodes, que presentará no Auditorio Municipal o seu espectáculo Manía, incluído na programación cultural do Concello.

Trátase dunha proposta singular que combina a interpretación de grandes obras da música clásica cunha narración íntima e próxima na que o propio músico explica o contexto das pezas e a súa relación persoal con elas.

No programa figuran composicións de autores como Chopin, Bach, Rachmaninov, Brahms, Schubert e Beethoven. Durante o recital, Rhodes interactuará co público e compartirá episodios da súa vida, marcada por unha infancia difícil, poñendo en valor o papel da música como ferramenta de superación persoal.

As entradas sairán á venda desde este mércores, 28 de xaneiro, a través da plataforma ataquilla.com, con prezos de 42, 40 e 38 euros, aos que se lles engadirán os gastos de xestión.

James Rhodes, de orixe británica e nacionalizado español, mantén unha estreita relación con Galicia e co idioma galego. Apaixoado da música clásica e da fotografía, converteuse nun dos divulgadores máis populares deste xénero, cun estilo afastado do academicismo tradicional. A súa carreira deu un xiro decisivo en 2009, cando publicou o seu primeiro disco, ao que seguiron numerosos álbums e libros, entre eles o exitoso Instrumental. Memorias de música, medicina y locura.

Colaborador habitual en medios de comunicación, contou cun espazo propio na Cadena SER, En Clave de Rhodes, tras participar no programa A vivir, dirixido por Javier del Pino. Coñecido como o "enfant terrible" da música clásica, destaca polo seu carisma e pola súa posta en escena próxima ao stand-up, ofrecendo unha experiencia diferente e pouco convencional dentro dos recitais clásicos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora