A sétima edición do Premio O Garaxe Hermético de banda deseñada ten gañadora pontevedresa. Trátase da ilustradora Kim Puime.
Así o decidiu o xurado deste galardón, que optou por recoñecer o seu traballo coa obra Merlín e familia, adaptación da obra homónima de Álvaro Cunqueiro.
O xurado destacou que se trata dunha adaptación á banda deseñada moi fiel ao espírito da obra orixinal, mais ao mesmo tempo "profundamente persoal e innovadora".
Ademais, valoraron especialmente o equilibrio entre texto e imaxe, a forza expresiva do relato ou o seu grafismo contemporáneo con ecos da estética románica.
Por último, o xurado gabou a reinterpretación da mitoloxía desde unha perspectiva propia, capaz de actualizar o clásico e facelo dialogar co lectorado actual.
Debido á alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu tamén distinguir como finalista o proxecto Alfa, presentado baixo o pseudónimo de Xinchi e que, tras a apertura da plica, resultou ser obra do tamén pontevedrés Xian Caamaño Caramés.
Sobre Alfa, o xurado salientou o seu debuxo de filiación cartoon, expresivo e cheo de matices ou o uso coidado da cor ao servizo da narración.
A iso sumaron as composicións de páxina "dinámicas e imaxinativas" e a reflexión crítica sobre as novas masculinidades que desenvolve nunha historia con estrutura de fábula.
O xurado estivo integrado por Kiko da Silva, debuxante e responsable do Garaxe Hermético; Teresa Valero, debuxante; e Marcos Calveiro, director de Galaxia.
A entrega dos premios celebrarase o 28 de xuño, dentro das actividades da cuarta edición do Festival BDra Gráfica, en Pontevedra.
Ambas as dúas obras serán publicadas por Galaxia ao longo do ano 2027, dentro das coleccións Novela Gráfica e BD, respectivamente.