L'Animé enche o Principal de teatro visual, danza e humor co espectáculo "Bhrava!"

Pontevedra
30 de xaneiro 2017

Paisaxes visuais fantásticas e personaxes que fixeron vivir aos máis pequenos todo un par de aventuras. É a suxestiva posta en escena que fixo a compañía catalá L'Animé que, co seu espectáculo Bhrava!, foi a aposta desta semana no ciclo Domingos do Principal

Representación do espectáculo "Bhrava!" da compañía L'Animé

Paisaxes visuais fantásticas e personaxes que fixeron vivir aos máis pequenos todo un par de aventuras. É a suxestiva posta en escena que fixo a compañía catalá L'Animé que, co seu espectáculo Bhrava!, foi a aposta desta semana no ciclo Domingos do Principal.

De novo, centos de nenos -acompañados dos seus pais- puideron gozar das dúas sesións, matinal e vespertina, deste espectáculo baseado no traballo con materiais, monicreques, o mimo e a danza.

Bhrava! é a primeira montaxe desta compañía que mostrou ao público pontevedrés o soño dunha moza que camiña por rúas onde as cousas non son o que parecen.

Os actores puxeron sobre o escenario un tema universal que espertou a sensibilidade dos máis pequenos e dos máis maiores da familia, a través dunha linguaxe escénica visual, en grao sumo cómico e poético.

E todo iso apostando por unha linguaxe contemporánea a través da creación de imaxes de gran impacto visual.

A seguinte cita con Domingos do Principal será o 5 de febreiro con Amagatall, espectáculo da compañía Cóllaa danza.