Local Pop/Rock desembarca esta fin de semana na Boa Vila para dar visibilidade ao talento musical pontevedrés

Pontevedra
27 de xullo 2023

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, presentou este xoves o programa musical que inclúe a actuación de sete bandas locais en diferentes puntos da cidade entre o sábado e o domingo

Presentación do Local Pop Rock no Campiño de Santa María Cristina Saiz

A oferta cultural e festiva en Pontevedra non cesa. Cos espectáculos de Itineranta percorrendo aínda as rúas da Boa Vila, o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, presentou este xoves un novo programa musical, o Local Pop-Rock, que traerá concertos a distintos recunchos da cidade durante as tardes do próximo sábado e domingo.

"É o momento do talento pontevedrés, este programa está adicado especialmente a eles e elas con música de diferentes estilos desde Pontevedra", explicou o concelleiro nacionalista.

O programa inclúe as actuacións de sete bandas locais desde as 17 horas da tarde. 

O primeiro acto do programa é unha nova edición do Black Hole. Esta vez o micro aberto estará o sábado no Campillo de Santa María. A continuación, Rusty James & Fringe actuarán en Curros Enríquez ás 20 horas e pecharán a xornada Odiosos 5 na rúa Tetuán ás 22 horas.

Ao día seguinte, Saracas e Anita actuarán en Curros Enríquez ás 19.30 horas, Cora Velasco fará o propio nas escaleiras da Alameda unha hora máis tarde. Collerán a remuda Freshkiños ás 21.30 horas na Praza do Teucro e pecharán o programa Os Tonikash ás 22.30 horas na Praza da Verdura.

O concelleiro anima a toda a cidadanía a "gozar da música, da cidade e descubrir estes novos espectáculos, que non son os máis coñecidos pero van facer gozar a todos", rematou. 

A presentación do evento, que tivo lugar no Campillo de Santa María, concluíu coa interpretación en directo dunha canción de Odiosos 5.