Luces, cámara... e a cantar!: grávase a curta "Superpunky"

Pontevedra
09 de abril 2016

A praza da Ferrería foi un dos primeiros escenarios nos que comezou a traballar o equipo de rodaxe de Superpunky, composto de máis de 25 persoas, e que está protagonizado polas actrices Antea Rodríguez e Sabela Arán

Rodaxe da curta musical "Superpunky" en Pontevedra Mónica Patxot

Unha nova produción audiovisual comezou a rodarse en Pontevedra. Trátase da curtametraxe musical Superpunky, dirixido polo pontevedrés Pablo Cacheda.

A praza da Ferrería foi un dos primeiros escenarios nos que comezou a traballar o equipo de rodaxe de Superpunky, composto de máis de 25 persoas, e que está protagonizado polas actrices Antea Rodríguez e Sabela Arán.

Este proxecto musical conta a historia de dúas amigas, Belén e Rebeca que son íntimas desde pequenas. Ambas comparten os mesmos gustos musicais, pero cando van á universidade os seus gustos musicais sepáranse e comezan a aparecer os conflitos.

Entre estes conflitos aparecerá Quique, un antigo neno prodixio e actual cantautor maldito. Un concerto de Quique, varios anos despois de separarse do seu grupo, servirá de eixo da historia.

O elenco actoral complétase con Fernando Gómez e Cova Berdiñas.

Ademais de destacar o talento interpretativo, tanto a nivel musical como actoral e técnico, Pablo Cacheda busca "crear un proxecto dun xénero case non explotado en Galicia, dunha maneira arriscada e innovadora", segundo sinalou.

O outro obxectivo é mostrar todo o talento musical galego integrado nunha historia de ficción, parodiando un musical convencional. 

De feito, as notas musicais poñeranas os grupos galegos Monoulious Dop e Priscila.

Superpunky é unha produción de Volvemos a Primera, coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Pontevedra Film Comission, e o apoio de numerosos patrocinadores privados.