Madeleine Peyroux e a súa voz sensible enfeitizan con jazz o Pazo da Cultura

Pontevedra
16 de outubro 2022

Con este concerto finalizaba este sábado o Ciclo Xacobeo Importa que ao longo deste 2022 ofreceu recitais de artistas internacionais en distintos escenarios de Galicia. A cantante norteamericana ofreceu temas do seu traballo máis recoñecido por crítica e público, 'Careless Love'

Concerto de Madeleine Peyroux Cristina Saiz

Cunha moi boa entrada de público, a cantante Madeleine Peyroux apareceu no escenario do Pazo da Cultura na noite deste sábado para ofrecer o último concerto dentro do Ciclo Xacobeo Importa, que ao longo deste ano programou recitais de artistas internacionais en distintos puntos de Galicia. 

A voz da compositora e guitarrista estadounidense de jazz soou coa súa sensibilidade habitual, que levou á crítica a cualificala como a Billie Holiday deste século. Ás súas costas suma a honra de ser considerada a mellor artista internacional de jazz pola BBC e interpretou os seus temas en espazos como o Lincoln Center de Nova York ou no Royal Albert Hall de Londres. 

Entre os seus traballos destaca 'Careless Love' (2004), que retoma para ofrecer novas versións nesta xira europea. Madeleine Peyroux brilla, ademais, por esa combinación de voz característica e a súa imprevisible personalidade sobre o escenario onde está acompañada por unha banda de notables instrumentistas. Tras o concerto de Pontevedra, único previsto en Galicia, este domingo 16 continuará o seu percorrido por algúns dos máis importantes escenarios da península cunha actuación no Auditorio Nacional de Madrid.