Manifesto "histórico" nun cumio reivindicativo de mulleres escritoras e feministas no Castelo de Soutomaior

Pontevedra
09 de novembro 2021

Autoras xa desaparecidas dos séculos XIX e XX, representadas por ilustracións de María Lapido, e as voces de recoñecidas actrices galegas con textos de Isabel Blanco, déronse cita nun acto simbólico con María Vinyals como protagonista central. Carmela Silva asistiu emocionada a este evento con motivo do Día das Escritoras

Encontro literario de tres séculos de escritoras no Salón Nobre do Castelo de Soutomaior
Encontro literario de tres séculos de escritoras no Salón Nobre do Castelo de Soutomaior / Deputación de Pontevedra

O Castelo de Soutomaior converteuse nun espazo de encontro literario do máis alto nivel este luns. María Vinyals exercía de anfitrioa nunha gala na que se citaba ás autoras galegas máis importantes do últimos tres séculos con motivo do Día Mundial das Escritoras.

Asinaban un manifesto "histórico", que se fará público este martes 9, no peche dun reeencontro insólito e creativo. Trátase dun acto organizado pola Deputación de Pontevedra e comisariado pola creadora Isabel Blanco no que participaba a presidenta provincial Carmela Silva, que se mostrou emocionada por este evento que recreaba as convocatorias que María Vinyals realizaba como anfitrioa da fortaleza na súa época.

Segundo Carmela Silva, este encontro reflicte a tradición histórica das mulleres que, ao longo da historia, reuníanse de forma pública e notoria, ou en segredo para tomar decisións e reclamar dereitos. A presidenta destacou que se trata de crear un espazo literario "histórico e sorprendente" onde escritoras, poetas e feministas do pasado en unión con escritoras e artistas actuais, ademais de mulleres de Soutomaior, reivindican o papel da muller.

Mariana Carballal, representaba á "Marquesa roxa" María Vinyals e, a continuación, participaban as autoras dos séculos XIX e XX

A través das voces de Isabel Blanco e de Ángeles Barreiro escoitáronse escritos de Emilia Pardo Bazán e un fragmento de 'La Tribuna'. Tero Rodríguez puxo voz a Rosalía de Castro mentres Carmen Álvarez lía un fragmento de 'Lieders'. Juana de Vega a través de Isabel Blanco e Rita Míguez, que leu parte do discurso da raíña Isabel II; Filomena Dato a través de Antela Cid e Teresa Vidal, que se encargaba de ler unhas pasaxes do poemario 'Follatos' Concepción Arenal a través de Estíbaliz Veiga e Sara Rodríguez, que lía 'La educación de la mujer' Concha Castroviejo a través da voz de María Costa e Carla Rodríguez, que daba lectura a 'Víspera del odio'' Pura Vázquez a través de Casilda Alfaro lía 'A saudade i outros poemas' Xela Arias a través de Silvia Penas e de  Aldara Cabaleiro, que lía uns versos de 'Intempériome' e Sofía Casanova coa voz da actriz Débora Vukusic e de  Valeria Narciso, que lía 'Quero Galicia, no teu adorado seno'.

Tras estas intervencións, a soprano Esperanza Mara, rendía unha homenaxe á tiple-contralto Lucrecia Arana, que visitou en numerosas ocasións o Castelo de Soutomaior acompañada polo escultor Mariano Benlliure na época de María Vinyals.

As escritoras actuais como Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Regina Vega, Arantza Portabales e Ledicia Costas lían tamén fragmentos dos seus traballos e recibiron de mans de Carmela Silva unha camelia en recoñecemento ao seu labor. Ademais, a cita reuniu á presidenta da asociación 'Clásicas e Modernas', Fátima Anllo, e a mulleres relacionadas co mundo literario en ámbitos como a distribución, edición ou ilustración, como é o caso de Mercedes Corbillón, Edurne Baines e María Lapido.

O acto, tras a cea das invitadas con reflexións e reivindicacións, finalizaba coa sinatura do manifesto "histórico", que será trasladado a todos os colectivos de mulleres de España, ás administracións públicas con todas as reclamacións relacionadas co mundo da literatura e da creación, un espazo no que, segundo expresaba a presidenta da  Deputación, tamén é necesario romper coa brecha de xénero.