María Guerra, sobre os Premios Feroz: "É unha honra vir a Pontevedra. Fainos moita ilusión. É unha cidade moi humana"

Pontevedra
09 de maio 2024

A presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) defende que estes premios "teñen un impacto moi grande" porque o propio sector "acolleunos moi ben" e permite poñer en contacto á cidadanía cos artistas, algo que ve "marabilloso"

María Guerra, na presentación dos Premios Feroz
María Guerra, na presentación dos Premios Feroz / Mónica Patxot

Aínda emocionada polo gran recibimento que Pontevedra brindou aos Premios Feroz, que se celebrarán na cidade durante os anos 2025 e 2026, a xornalista María Guerra asegura que para eles vir a Galicia e, en concreto, á Boa Vila é algo "estratosférico".

A presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) defende que estes premios "teñen un impacto moi grande" porque o propio sector "acolleunos moi ben" e permite poñer en contacto á cidadanía cos artistas, algo que ve "marabilloso".

"Fainos moita ilusión estar en Pontevedra", reitera Guerra nesta entrevista con PontevedraViva, na que debulla o que poderemos esperar de evento que será, sen ningunha dúbida, o acontecemento cultural con maior transcendencia dos celebrados na cidade.

Esta será a terceira vez, tras Bilbao e Zaragoza, que os Premios Feroz saen de Madrid.

É unha honra vir a Pontevedra. Nós imos sempre buscando cidades que nos acollan e Pontevedra ofreceu ser sede durante dous anos. É algo marabilloso porque nos dá tempo a facer moitas cousas. Nós non queremos facer só unha cerimonia.

Adiantastes que haberá unha programación previa que durará uns meses, non?

Queremos poñernos en contacto coa cidadanía. Iso significa que, ao longo de catro ou cinco meses, imos facer actos, imos poñer en contacto aos cidadáns cos artistas, aos estudantes de audiovisual coa industria, ou a reflexionar sobre como está o audiovisual.

Ademais, vides a Galicia nun momento no que o cinema galego está en pleno auxe, tras o éxito de películas como "Matria", "O corno" ou "As bestas".

Galicia é un territorio riquísimo en industria audiovisual e en talento. O novo cinema galego a nós impórtanos moito. Gústanos esa diversidade. Recalar aquí tras un ano tan bo do cinema galego é brutal. Ten unha mirada moi peculiar e acolle a todos os públicos. E non só en cinema, que en televisión temos agora "El caso Asunta" que está a ser súper popular. 

E iso é o que nos interesa porque disto vai estes premios. Isto é unha industria que conecta co público, que che fai reflexionar e que tamén alimenta a moitísimas familias.

Incides moito en que os Feroz van moito alá duns premios. En que sentido dilo?

Parécenos vital que o cinema e as series non queden na imaxe da alfombra vermella, que é algo importante porque a moda tamén vive disto. Pero o sector é moito máis. Hai moitas outras reflexións e outros oficios que queremos enfocar durante todos estes meses.

Estamos a vivir un momento no que o sector audiovisual é enorme, apunta a todos os públicos e nós o que queremos é que non soamente sexa a pantalla a que cuspa as imaxes, senón poñer en contacto ao público para que esas imaxes sexan reflexións compartidas. Esa é a nosa intención. Tentamos ser prácticos e ser útiles.

Aos estudantes de audiovisual imos conectalos cos produtores. Imos tentar facer charlas para que a xente saiba como se fan as películas ou cantas persoas traballan para facer 30 segundos dunha toma. Nós somos xornalistas. A nosa misión é ser correa de transmisión entre a industria, os artistas e a cidadanía.

Saír de Madrid, onde estades afeitos a eventos e galas deste tipo, fai que notedes máis o agarimo e a proximidade da cidadanía?

"Vir a Pontevedra, como nos pasou en Bilbao ou Zaragoza, é estratosférico. Poñer en contacto aos cidadáns cos artistas é marabilloso"

É o día e a noite. Madrid é unha cidade grande na que pasan moitas cousas. Non temos o contacto cos madrileños. Temos as redes sociais como tamén as teremos aquí. O impacto dos Feroz é moi grande. A industria acolleunos moi ben. Démoslle o premio a Pedro Almodóvar en Zaragoza e veu el e Penélope Cruz.

Facelo en calquera cidade é grato. Madrid é unha cidade moi anónima. Vir a Pontevedra, como nos pasou en Bilbao ou Zaragoza, é estratosférico. Poñer en contacto aos cidadáns cos artistas é marabilloso. E, ademais, Pontevedra é unha cidade moi humana. Nótase o paso das persoas. Fainos moita ilusión poder estar aquí.

Pontevedra xa a coñecías. Estiveras en "As mulleres que opinan"...

Eu son moi pontevedresa. Estiven en "As mulleres que opinan", ao que penso volver porque só me chamaron unha vez. E logo vin moitos veráns. Eu son unha "jodechincha" máis. Son unha madrileña que pasou vinte veráns da miña vida en Nigrán. Gústame moito Galicia, gústanme moito as Rías Baixas e son moi feliz aquí.

As mulleres opinan e, cada vez máis, teñen máis peso no cinema. non?

Si. Nós somos unha asociación que naceu tamén un pouco para plantarlle cara ás voces únicas e enfrontar o monopolio dos grandes críticos e dos grandes medios. Temos esa vocación de alzar a voz e ter voces discordantes e diversas.

Considero que o micrófono é a brecha, a maneira de poder transmitir valores e enfoques alternativos ao establecido. O cinema é unha arte cun rumbo maioritariamente masculino. Eu son unha muller que opina de cinema e estou moi contenta de selo.

E ti que tes, digamos, un pé en ambos os lados, no xornalismo e na industria audiovisual, crees que a existencia de tantas plataformas está a ser bo para o sector? Arríscase máis con produtos de autor ou se vai ao seguro?

As plataformas deron moitísimo traballo e iso, no que é a parte técnica do cinema, fai que haxa momentos no ano no que hai pleno emprego e iso é unha marabillosa noticia. Pero no artístico, esta multitude de series e de películas fai que sexa un pouco máis difícil ver pequenas xoias, esas voces que van máis polas aforas.

Iso é precisamente o que tentamos facer cos Feroz. Os xornalistas temos o reto de saber escoller, non por excluír, senón de enfocar. "El caso Asunta" brilla por si mesma, pero temos que mirar esas outras producións que teñen moito valor e que se cadra teñen menos diñeiro ou menos nomes. Hai que mirar a todos os creadores con respecto.