Migallas Teatro abre o prazo para os obradoiros "Somos artistas" dirixidos á cativada

Pontevedra
12 de setembro 2025

A actividade oferta preto de 100 prazas para escolares con idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos. A proposta inclúe expresión dramática, plástica e musical en galego

Actividade de Migallas Teatro no Pazo da Cultura Concello de Pontevedra

Migallas Teatro pon en marcha, un ano máis, os obradoiros "Somos artistas", unha iniciativa das concellerías de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra que ofrecerá preto de 100 prazas para nenos e nenas de entre 5 e 11 anos.

As preinscrición abren este luns 15 de setembro e permanecerán abertas ata o 18 de setembro a través do correo migallas@migallas.gal.

A actividade desenvolverase nas instalacións do Pazo da Cultura cun enfoque integral que combina expresión dramática, plástica e musical, ademais de xogos tradicionais, todo nun ambiente de socialización en galego.

A programación estrutúrase en tres obradoiros diferenciados segundo a idade dos participantes. O primeiro grupo, destinado a nenos de 8 a 11 anos, celebraráse os luns de 18:00 a 19:30 horas a partir do 29 de setembro, con 25 prazas dispoñibles.

Para os máis pequenos, de 5 a 7 anos, haberá dúas opcións: un obradoiro os mércores de 17:30 a 19:00 horas que comezará o 8 de outubro, e outro os xoves no mesmo horario a partir do 9 de outubro. Cada un destes grupos contará con 35 prazas.

Cada obradoiro constará de 10 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares, desenvolvendose entre a derradeira semana de setembro e decembro cunha periodicidade semanal.

A actividade trimestral terá un custo total de 50 euros con todo o material incluído.

No caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas, terán prioridade as nenas e nenos residentes no termo municipal de Pontevedra. Se estes tamén superasen o número de prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público para adxudicar as restantes.

A formalización da inscrición e o pago da cota realizarase directamente con Migallas Teatro na sesión de comezo da actividade.

Para realizar a preinscrición é necesario enviar un correo con nome e apelidos do neno, idade, número de obradoiro, nome do familiar ou titor de contacto, teléfono, e enderezo ao correo migallas@migallas.gal.