Miguel Costas e King África prepáranse para facer bailar á Illa do Covo no Surfing the Lérez 2025

Pontevedra
02 de maio 2025
Actualizado: 13:59

O festival gratuíto celebrará a súa 13ª edición os días 6 e 7 de xuño na Illa do Covo, tamén coñecida como Illa das Esculturas, con catro escenarios e unha previsión de 30.000 asistentes. Este venres presentábase todo o cartel

Demetrio Gómez, Miguel Anxo Fernández Lores e Marcos Rivas presentan o Surfing the Lérez 2025
Demetrio Gómez, Miguel Anxo Fernández Lores e Marcos Rivas presentan o Surfing the Lérez 2025 / PontevedraViva

Presentouse a 13ª edición do festival Surfing the Lérez, que se celebrará os días 6 e 7 de xuño na Illa do Covo, tamén coñecida como Illa das Esculturas.

O evento, de acceso completamente gratuíto, contará cun cartel ecléctico encabezado por dúas figuras de estilos moi diferentes: Miguel Costas, que interpretará un repertorio composto nun 80% por temas de Siniestro Total, un 19% de Aerolíneas Federales e un 1% de cancións propias, e o popular King África, unha "frikada" que o director do festival, Marcos Rivas, recoñeceu como "unha apetencia persoal".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, definiu o Surfing the Lérez como "un dos festivais que visito sempre que podo porque é moi agradable", destacando o seu carácter "urbano, con rock and roll e propostas para todos os gustos".

O rexedor salientou tamén o seu carácter maioritariamente galego, tanto nas bandas como nos DJ's, "mesmo Amable, que vén de Barcelona, é galego", apuntou.

Con catro escenarios diferentes e máis de 120 persoas traballando na organización, o festival espera repetir o éxito de pasadas edicións. "Calculamos que por eses dous días pasan pola illa unhas 30.000 persoas", afirmou Rivas, quen adiantou que o escenario gastro, estreado o ano pasado, contará este ano "con máis visibilidade, mellores equipos e unha programación ampliada".

Ademais de Miguel Costas e King África, que "vén de Zaragoza en autobús", o cartel do venres 6 incluirá a Anaut, Anabel Lee, Antía Muíño, Cristalino, María Grep, Montedapena, Néstor Pardo, Nocturna, Repion e Shego, entre outros, así como DJ's como Carlos Crespo, Kris K DJ, La Suprema, Maefield e Nanein.

Miguel Costas en concerto
Miguel Costas en concertohttps://miguelcostas.com/

O sábado 7 será a quenda de Alba Reche, Angel Stanich, Arizona Baby, Capital Voskov, Cora Yako, Grande Amore, Grima, Jarabo, Karavana, Las Dianas, Levitants, Liorta, Melifluo, Ortiga, Portrait, Resaca Emocional, Santi Araújo e Trashi.

Os dj's nesa segunda xornada serán: Dj Amable (Common People), Dj Dinero, Bea Fernandez, BB.Wav B2B Elba, Gorllitox e Señora Dj.

Un dos escenarios levará o nome de "Nothing but the blues", en homenaxe ao músico local recentemente falecido Dani Moure, e o festival manterá o seu compromiso solidario coa tradicional recollida de alimentos en colaboración con Rede Axuda.

"O ano pasado batemos récord, e este ano imos tentar facer unha boa campaña. O que máis se precisa é leite, tanto para nenos como para adultos", explicou Rivas.

O mercado emerxente volverá ser un dos atractivos do festival, con máis de 100 propostas seleccionadas entre numerosas solicitudes. A organización está ultimando tamén a programación infantil, posiblemente con actividades relacionadas co Ganapán, segundo apuntaba Rivas.

"Non hai festival igual en Pontevedra", concluíu Rivas, quen fixo un chamamento aos asistentes para que colaboren mantendo limpa a Illa do Covo: "É importante que todo o mundo colabore, que non ensucie a illa. Hai contedores dabondo para deixalo todo limpo".

Durante a presentación, xurdiu a cuestión da anulación do festival Galegote este ano, outro evento musical en Pontevedra organizado por Marcos Rivas para potenciar grupos que cantan en galego.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, confirmou que "nas previsións da concellaría está levar a cabo o Galegote o ano que vén de novo", ao que Rivas engadiu que "téñolle máis cariño ao Galegote que ao Surfing, porque penso que as bandas comezan nos bares".