A mostra de cine euroárabe 'Amal en Ruta' abordará o conflito en Palestina

Pontevedra
25 de agosto 2025
Actualizado: 15 de outubro

A mostra ten como obxectivo achegar á sociedade a cultura árabe a través do cine, "ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta realidade tan heteroxénea".

Ghaleb Jaber y Miguel Anxo Fernández Lores Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e Ghaleb Jaber Martínez, presidente da 'Fundación Araguaney - Puente de Culturas' e director da Semana de Cine Euroárabe Amal presentaron este luns unha nova edición do ciclo 'Amal en ruta' que proxectará catro películas no Teatro Principal do 1 ao 4 de setembro.

A mostra ten como obxectivo achegar á sociedade a cultura árabe a través do cine, "ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta realidade tan heteroxénea".

Ghaleb Jaber destacou que este proxecto é hoxe "máis necesario ca nunca", porque o coñecemento do 'outro' trae entendemento e respecto, dous elementos clave para avanzar na tolerancia e no progreso entre os pobos, e que Amal en Ruta canaliza a través da cultura audiovisual.

Segundo explicaron, nesta edición 'Amal en ruta', baixo o lema "Existir é resistir", abordará cuestións sobre a ocupación e o conflito en Palestina, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa.

Os filmes se poderán ver en versión orixinal subtituladas en castelán.

A primeira sesión será o luns 1 de setembro coa película "The Teacher" ás 21:00 horas; mentres que o martes 2 proxectarase "Inshallah Walad" ás 21:00 horas e o mércores 3 será a quenda para a película "The Old Oak" ás 21:00 horas.

O xoves 4 de setembro, a xornada contará cunha dobre sesión, ás 18:30 horas o documental "Bye Bye Tiberias" e ás 21:00 horas a ficción "To a Land Unknown"; todas elas producións de gran recoñecemento en festivais cinematográficos internacionais.

Ghaleb Jaber dixo que son "perigosas" todas estas películas "porque humanizan, porque hoxe en día é complicado empatizar con seres humanos doutros lugares e estas películas teñen esa virtude".

Ghaleb Jaber Martínez destacou que desde hai décadas, o pobo palestino foi sometido a múltiples agresións: roubo de terras, confiscación de propiedades, demolición de vivendas, restricións de movemento, limpeza étnica, represión violenta, tortura e morte.

"Os responsables desta masacre levan tempo utilizando a cultura e os medios de comunicación para encubrir as súas atrocidades. Por iso, cada poema, cada película, cada fotografía, cada libro que publicamos é sinónimo de loita", afirmou Ghaleb Jaber.

O presidente da Fundación Araguaney sinalou que "os palestinos e descendentes de palestinos convertemos o mero feito de existir en resistencia" polo que entende que "Amal non é só un ciclo de cine, é un acto de resistencia".

Nos 22 anos que leva esta iniciativa de Amal, "loitamos contra a desinformación que promoven as empresas de comunicación e outros organismos co obxectivo de deshumanizar a cultura e a cidadanía árabe e converter ao resto da sociedade en cómplices desta barbarie".

Ghaleb Jaber lembrou que Amal significa esperanza, "e este ano significa, sobre todo, resistencia" e recalcou que os palestinos "somos xente normal, e o que máis ganas temos do mundo é pagar o IBI. Porque o día que paguemos o IBI será que teñamos un estado funcional e poderemos volver á casa".

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra sinalou a importancia social e cultural que festivais de cinema coma Amal en Ruta aportan a Pontevedra, "máis aínda coa época que estamos a vivir" xa que, segundo dixo, "o imperialismo económico está atacando por todos os lados, e o máis visible neste momento é o xenocidio do pobo palestino, que non remata nunca".

O rexedor parabenizou á Fundación Araguaney polo seu traballo, que xa leva traendo o mellor cinema árabe até Pontevedra dez anos, e agarda que o Concello continúe a ser un fogar para este ciclo por moitos anos.