O Museo organiza novas visitas guiadas ás súas salas de Castelao

Pontevedra
24 de agosto 2025

Desde o luns 25 é posible anotarse a esta visita especial polo Ano Castelao, que se celebrará o martes 2 de setembro ás 18:00 horas

Visita ás Salas de Castelao no Museo Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra abre este luns 25 de agosto as inscricións para participar nunha nova xeira das visitas guiadas especiais ás salas de Castelao.

Ao longo deste 2025 o Museo vén desenvolvendo diversas actividades polo Ano Castelao, que conmemora o 75 aniversario do pasamento do artista e político galeguista.

As visitas guiadas teñen lugar o primeiro martes de cada mes e a próxima celebrarase o 2 de setembro ás 18:00 horas. A inscrición pode realizarse desde o luns a través do sitio web museo.depo.gal.

A visita guiada percorre as dúas salas nas que se exhibe unha parte das máis de 1.800 obras súas que conserva o Museo.

Nelas está moi presente a súa faceta de artista, pero tamén as de escritor e político galeguista, imposibles de desligar daquela.

A visita ten unha duración de arredor de 60 minutos e é necesaria a inscrición previa.

MÁIS ACTIVIDADES POLO ANO CASTELAO

O Museo custodia a maior parte da obra artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950), que foi membro do seu padroado fundacional e participou activamente na súa creación.

Ademais, conserva a súa biblioteca persoal e importante documentación sobre unha figura clave para entender o século XX en Galicia desde o punto de vista artístico, literario e político. 

Xunto ás actividades presenciais, o Museo ten dispoñibles a través da web varias opcións para achegarse á obra de Castelao, como explorar as obras que forman a súa colección no Museo, realizar unha visita virtual polas salas do Museo ou descargar en PDF o libro ‘Esenciais. Castelao no Museo de Pontevedra’, unha introdución á súa figura e á obra presentes na nesta institución, entre outras opcións.