Natalia Lafourcade, a trobadora errante que entrou 'até a raíz' de El Náutico cantándolle á vida "con harta pasión y tequila"

O Salnés
28 de xullo 2025
Actualizado: 13:14

"Estoy muy emocionada de estar aquí. Me han hablado maravillas de este lugar", asegurou a artista mexicana, que só necesitou a súa voz única e a súa mestría á guitarra para hipnotizar ao público

Concerto de Natalia Lafourcade en El Náutico PontevedraViva

E de súpeto, case sen esperalo, un crúzase cun deses concertos que permanece na retina durante moito tempo. Eses nos que sabes que viviches un momento único. Máxico.

É o que experimentaron este domingo o medio cento de persoas que á tardiña, cando a calor xa non apertaba, reuníronse en El Náutico de San Vicente.

Ao seu escenario, coa praia da Barrosa de fondo e aproveitando esa 'hora dourada' que xeraba unha atmosfera única, subiu unha das grandes damas da música latinoamericana.

"Estoy muy emocionada de estar aquí. Me han hablado maravillas de este lugar", asegurou a mexicana Natalia Lafourcade, que só necesitou a súa extraordinaria voz e a súa mestría á guitarra para hipnotizar a un público que se entregou á súa arte desde o primeiro momento.

No medio do máis absoluto silencio -mesmo do público que viu o concerto desde a praia-, só roto polos aplausos e os tímidos coros dos fans, Lafourcade, que con apenas 18 anos editou o seu primeiro disco, demostrou que agora, aos seus 41 anos, está en plena madurez artística.

Concerto de Natalia Lafourcade en El NáuticoPontevedraViva

Explicou que "celebrar la entrada a los 40 solo con mi guitarra y con mi voz era una especie de ritual y conjuro para agradecerle a la canción y a la música" e, ao mesmo tempo, homenaxear aos cancioneros e cancioneras "que me han inspirado a lo largo de mi carrera".

Foi precisamente co tema que dá nome ao seu último disco, Cancionera, editado hai só tres meses, co que a artista mexicana, que afirmou que lle gusta "cantarle a todo", especialmente ao amor, ao desamor ou a terra, estableceu unha conexión instantánea co público,

Cal trobadora errante que camiñaba entre o íntimo e o universal cantándolle á vida "con harta pasión, tequila y cantina", Natalia Lafourcade debullou no seu concerto gran parte deste último traballo.

Así, entre outras, interpretou en directo as cancións Cocos en la playa -na que pediu a complicidade do público para os coros-, Como quisiera quererte ou El palomo y la negra, que ela mesma explicou que eran os seus votos matrimoniais reconvertidos en tema musical.

Pero durante preto de hora e media houbo tempo para que Lafourcade deleitase aos asistentes cun repaso aos grandes éxitos da súa carreira, entre os que foi explicando as súas orixes na cidade de Veracruz, "un espacio que me sana", ou o momento vital que atravesa actualmente.

Concerto de Natalia Lafourcade en El NáuticoPontevedraViva

De todas las flores, Pajarito colibrí, María la curandera ou Soledad y el mar soaron antes de que a artista, xa co anoitecer sobre os ombreiros, bromeara con que "a ver si logro no taparme y arroparme con su calorcito". Por se acaso, achegáronlle un pequeno radiador.

Na recta final do concerto, tras Mi tierra veracruzana ou Tú sí que sabes quererme, que dedicou aos que teñen "amor del bueno y no de los tóxicos" chegou a hora das cancións que todos estaban a esperar: El lugar correcto, Nunca es suficiente ye sobre todo, Hasta la raíz.

Con eles despediuse de San Vicente que, segundo recoñeceu, "quiero que sea mi casa para siempre" e que está nun "pedazo de tierra de la que ya me enamoré" e na que se bautizou cun baño no mar, nunha auga que apreciou "tan deliciosa y fría".

Non se quixo esquecer dun Náutico ao que "tantos músicos increíbles llegan" e cuxa existencia é tan importante "porque nos acerca de otra maneira al arte", cun cartel que che permite "la sorpresa de llegar y de conectar con nueva música", algo que para ela "es mi máxima pasión".