Os narcotraficantes de Clanes, con Tamar Novas á cabeza, están de volta. Netflix estreará o próximo 3 de abril a segunda tempada da serie.
Rodada en Cambados, do mesmo xeito que a súa primeira entrega, a serie retomará a historia de Daniel (Novas) e Ana (Clara Lago) tres anos despois dos seus anteriores episodios.
Aínda que moitas cousas cambiaron e a pesar dos seus esforzos por deixar atrás o pasado, ambos volverán verse envolvidos no mundo da droga. Esta vez, en bandos opostos.
Mentres Daniel acepta saír ao mar por última vez para axudar ao seu pai, Ana deberá volver a Cambados e traballar co clan inimigo dos Padín.
Ana aceptará aínda que é consciente de que isto pode supor o final dos Padín e tamén, probablemente, o final da súa relación con Daniel.
Aos novos episodios da serie producida por Vaca Films sumarase un dos actores galegos máis populares, Luís Zahera (Animal, As bestas).
Xunto a el regresarán Xosé Antonio Touriñán (Cuñados), Melania Cruz (Melancolía), Miguel de Lira (Cuñados), María Pujalte (Los misterios de Laura), Chechu Salgado (Las leyes de la frontera) ou Diego Anido (La infiltrada), entre outros.
Estes novos episodios están escritos por Jorge Guerricaechevarría e dirixidos por Marc Vigil e Javier Rodríguez.
A primeira tempada de Clanes foi a serie de fala non inglesa máis vista en Netflix durante a súa semana de estrea, conseguindo situarse como número 1 en 28 países e alcanzando o top 10 nun total de 82 países.