Os novos planos de Pontevedra debúxanse con ollos de neno

Pontevedra
22 de setembro 2025

O Concello de Pontevedra pon en marcha uns obradoiros infantís que van estar dirixidos por tres ilustradoras nos que se elaborarán uns planos artísticos da cidade

Presentación de 'Pontevedra debuxada'

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou este luns unha iniciativa moi especial: "Pontevedra Debuxada", un proxecto que convida a mirar a nosa cidade desde unha perspectiva diferente... a das nenas e nenos.

Desde o goberno local destacaron a importancia de "observar o mundo con outros ollos, desde outras miradas, e apostar pola arte e a creatividade como formas de expresión", explicou a concelleira.

Gulías mostrouse orgullosa de vivir nunha cidade como Pontevedra, "un referente en transformación urbana grazas ao compromiso de todas as veciñas e veciños, que contribuíron a construír a cidade que hoxe gozamos". Con todo, tamén recoñeceu que este proceso de cambio queda lonxe da experiencia dos máis pequenos: "Moitos nenos e nenas xa naceron nunha Pontevedra transformada, diferente, alternativa... e cremos que é xusto convidarlles a reflexionar sobre ela, a descubrila e a compartir connosco a súa propia visión".

Porque aínda que moitas veces se fala da infancia como o futuro, Anabel Gulías ten claro que tamén son o presente posto que eles xa participan na construción dos nosos espazos comúns, na convivencia do día a día. Por iso os responsables desta actividade recalcan a importancia de escoitarlles. E de aí nace esta idea de Pontevedra Debuxada, de crear con eles, e facelo dunha maneira moi especial.

A actividade principal serán uns obradoiros de ilustración dirixidos a nenos de entre 6 e 12 anos, coordinados por tres recoñecidas ilustradoras: Aida Alonso, Natalia Umpiérrez e Paula Cheshire.

O resultado destes talleres será a creación duns planos artísticos da cidade, cheos de cor, creatividade e imaxinación infantil.

Os talleres celebraranse o sábado 27 de setembro na Praza de Abastos, o sábado 4 de outubro no Pazo da Cultura e o sábado 11 de outubro no edificio Castelao.

Detrás desta iniciativa está a empresa Taller Abierto, en colaboración co Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo.

África Martínez, responsable de Taller Abierto, destacou que se trata dun proxecto cultural cunha dobre vertente: artística e educativa. "Queremos que os nenos e nenas observen a súa contorna, valoren o noso patrimonio e compartan a súa visión".

Ao mesmo tempo, estes planos que eles elaboren converteranse nun recordo moi especial para quen visiten Pontevedra, xa que se entregarán a turistas e tamén formarán parte dos agasallos institucionais do Concello.

"Pontevedra Debuxada" promete ser unha experiencia enriquecedora e entrañable, tanto para quen a viven desde dentro como para quen chegan a coñecer a cidade a través deses ollos curiosos e creativos que todo o ven... e todo o debuxan.